Un ano de duros recortes e forte resposta social tras a vitoria de Rajoy

Esta terza feira cúmprense 365 días da vitoria electoral de Mariano Rajoy. Durante este ano os incumprimentos do seu programa electoral marcaron o arranque da lexislatura, porén o primeiro ano de mandato tamén estivo protagonizado polas masivas respostas sociais ás políticas do seu executivo.
Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy durante a campaña das eleccións xerais de 2011

Desde a súa chegada a Moncloa, Mariano Rajoy empregou o argumento do 'herdo recibido' para xustificar os sucesivos incumprimentos do seu programa electoral. Após un ano de mandato e da aprobación dun estrito programa de recortes, a economía española afonda máis na recesión e o índice de desemprego sobrepasa o 25% da poboación.

Un ano de reformas e recortes orzamentarios

Pouco despois de chegar á presidencia do Estado español, o executivo de Mariano Rajoy aprobaba o maior recorte orzamentario da historia. Os OXE para 2012 supuñan unha redución do investimento público de 35.000 millóns de euros, encamiñados a cumprir cos obxectivos de défice marcados desde Bruxelas. A decisión de Mariano Rajoy, anunciada após a vitoria electoral do seu partido en Andalucía e Asturias, sumábase á suba do IVE e do IRPF --o primeiro dos seus incumprimentos-- anunciada un mes despois da súa chegada a Moncloa. Aliás, conxelaría un ano máis o soldo e eliminaría a paga extraordinaria de decembro d@s empregad@s públic@s; a maiores da aprobación dunha outra reforma laboral máis regresiva que a implementada polo executivo de Zapatero. O goberno liderado por Mariano Rajoy, abarataba así o despedimento, permitía encadear contratos de formación por debaixo do soldo mínimo, axilizaba a tramitación dos expedientes de regulación de emprego e propinaba un duro golpe contra a negociación colectiva.

Os recortes aprobados polo executivo español afectarían principalmente ás políticas sociais e servizos públicos, nomeadamente a sanidade e ensino, cuxa redución no investimento alcanzaría os 10.000 millóns de euros. As axudas a persoas dependentes tamén serían unha das principais vítimas da política de axustes desenvolvida desde Madrid, xunto coas persoas desempregadas que verían reducida a axuda percibida após remataren o subsidio por desemprego e modificadas as condicións para percibila até se suprimir unha vez esgotados os seis meses.

Sumáronse tamén os anuncios dalgúns dos seus ministros que como Gallardón, porían fin a importantes avanzos sociais e aseguraría que reformaría a Lei do aborto, mesmo para situar o Estado español nun marco normativo anterior ao de 1985. Tamén así, o ministro de Xustiza anunciou a aprobación dunha nova norma pola que se estabelecen taxas xudiciais e limitan o dereito á xustiza para a cidadanía.

As políticas (neo)liberais levadas a cabo polo executivo español recibirían unha forte contestación social nas rúas. Dúas folgas xerais --amais das convocadas polas centrais sindicais galegas e vascas en solitario-- e numerosas concentracións fixeron fronte á ofensiva do goberno de Mariano Rajoy, que no entanto, continuaría adiante con máis paquetes de medidas.

Catalunya e Euskadi, dous quebradeiros de cabeza para Rajoy

O 20 de outubro de 2012, ETA anunciaba un cesamento ao fogo permanente e emprazaba aos executivos español e francés a iniciar unha rolda de negociacións que puxesen fin ao conflito político vasco. Desde a declaración unilateral da banda armada, o goberno español condicionou á entrega das armas a posibilidade de se iniciar calquera contacto, proseguindo coas operacións policiais e as detencións, o mantemento da estrita política penitenciaria e mesmo as ameazas de ilegalizaren a aquelas organizacións políticas en que se integraba a esquerda abertzale. Porén, os tribunais españois, aprobaban a legalización de Sortu e EH Bildu conseguía uns resultados históricos nas eleccións autonómicas, deixando un Parlamento con maioría abertzale.

Mais está a ser Catalunya a que xera maior malestar entre o executivo de Mariano Rajoy. O 11 de setembro unha masiva manifestación na 'Diada' demandaba a independencia de Catalunya e alentaba ao Govern da Generalitat a convocar eleccións e un referendo con que amosar a vontade popular a respecto do futuro catalán. Berros de secesión se ergueron entre as filas 'populares' e mesmo militares que exixían unha resposta contundente do presidente español.

Comentarios