O medo a un novo Nunca Máis podería animar a Feijóo ao adianto electoral

O anuncio do lehendakari Patxi López de convocar as eleccións nacionais vascas para o vindeiro outono puxo riba da mesa máis unha vez o posíbel adianto electoral na Galiza. O actual contexto político e o decorrer económico nos vindeiros meses xogan en contra de Núñez Feijóo.

As eleccións volven estar de actualidade após os primeiros rumores o pasado mes de marzo, cando se prevía un adianto electoral para este verán. O anuncio de Patxi López, que convocou os comicios en Euskadi para o 21 de outubro, sitúa de novo no centro do debate un posíbel adianto electoral na Galiza. Entre os temas que rodean as eleccións, a fraude electoral proposta polo PP e as presións exercidas desde Madrid, froito do desastre económico que se albisca a partir de setembro.

As declaracións a pasada terza do voceiro do grupo popular, Pedro Puy, deixaban a porta aberta a unha posíbel convocatoria, pois aseguraba que de se adiantaren as eleccións, o seu partido non continuaría coa reforma electoral xa que o tempo xogaría na súa contra. A volta atrás do deputado, que rachaba co ton autoritario expresado semanas atrás polo seu grupo, evidenciaba un cambio na actitude d@s populares, posibelmente motivado pola proximidade dos comicios. Puy pasou do “non deixaremos que nos chantaxee unha minoría” a “tan só é unha proposta política”. 

Así mesmo, a xuntanza desenvolvida en Sanxenxo, entre Núñez Feijóo, Mariano Rajoy e outr@s membros do PP este verán, evidencia a importancia que desde Madrid dan ás eleccións galegas, pois o resultado delas dependerá, en gran medida, das políticas desenvolvidas polo goberno central. Os recortes e axustes desenvolvidos polo PP no Estado español, xunto co incumprimento das súas promesas electorais, están a marcar a desafección do electorado, como se evidenciaba no último barómetro do CIS.

Desde a suba de impostos –nomeadamente do IVE--, até a modificación da lei para permitiren o despedimento colectivo de traballador@s públic@s, pasarán factura a Núñez Feijóo. Aliás, a chegada dos primeiros fondos de rescate e a inminencia dun segundo a partir de setembro, exixirían ao presidente da Xunta meditar as posibilidades electorais que se lle presentan a partir do verán. 

Doutra banda, a xestión política destes tres anos de lexislatura deixan o maior número de persoas desempregadas na Galiza, a volta á migración da xente máis nova, a crise dos sectores produtivos e o empobrecemento d@s galeg@s por mor da desaparición de boa parte dos servizos sociais postos a andar durante a época do bipartito. Nin a cultura se salvou das navalladas do presidente. Así mesmo, a negativa d@s populares para crearen a tan anunciada comisión de investigación das caixas deixa entrever que nesta lexislatura non van pasar polo plenario os responsábeis políticos da estafa das preferentes e das substanciosas indemnizacións. 

Neste contexto, as últimas mobilizacións convocadas polas centrais sindicais reflectiron o descontento das maiorías sociais perante a política de recortes e axustes desenvolvida polo Partido Popular na Galiza e no estado. As manifestacións máis numerosas desde a época do Nunca Máis foron síntoma da fartura do pobo, a quen o PP está a facer pagar do seu propio peto as débedas de banqueiros e especuladores. Avecíñase un tempo igual de convulso que no ano 2005 cando, por vez primeira, o PP perdía a Xunta de Galiza. A bóla está agora no tellado do presidente. 

 

Comentarios