MOCIDADES DA UPG

A UMG elixe Adrián Bravo como novo secretario xeral no XVI Congreso

Bravo é membro do Consello Local e Comarcal do BNG en Vigo, delegado sindical pola CIG e fai parte da permanente de Galiza Nova. Aposta por reforzar o papel da UMG como referente da mocidade nacionalista.

XVI Congreso da UMG
photo_camera XVI Congreso da UMG

 
A Unión da Mocidade Galega (UMG) vén de elixir como novo secretario xeral a Adrián Rodríguez Bravo no seu XVI Congreso. Aos seus 26 anos, leva unha década militando no nacionalismo, dende que dera os seus primeiros pasos no movemento estudantil. Rodríguez Bravo é membro do Consello Local e Comarcal do BNG en Vigo, delegado sindical pola CIG e forma parte da permanente de Galiza Nova.

Asegura que afronta a elección con “ilusión”, mais tamén coa “responsabilidade de traballar a prol do proxecto nacionalista”. O seu obxectivo como secretario xeral pasa por “reforzar a UMG como referente da mocidade comunista e patriótica do noso país. Desde a certeza de que unha UMG máis forte fortalecerá o conxunto do movemento nacional-popular galego”.

Contribuír á expansión de Galiza Nova e BNG

Rodríguez Bravo manifestou no seu discurso que “unha das prioridades da militancia da UMG seguirá sendo continuar a contribuír con toda a nosa forza e dedicación á importante expansión de Galiza Nova así como ao relanzamento do movemento estudantil nacionalista, apostando sen ambaxes por reconquistarmos a súa unidade”. 

Fixo referencia tamén as próximas municipais, onde apostou en “concentrar todos os nosos esforzos e enerxías para conseguir o mellor dos resultados para o BNG–Asembleas Abertas”. 

"Asegurarmos o mellor relevo"

O novo secretario xeral recordou tamén os 50 anos da UPG, que cualificou como “un legado incuantificábel do que nos reivindicamos continuadores e continuadoras”. Para Rodríguez Bravo, o nacionalismo “precisa de máis mans e de máis cabezas, de asegurarmos o mellor relevo xeracional en base a unha militancia nova pero curtida e con experiencia contrastada no activismo e no traballo nas rúas e ideoloxicamente formada”.

Salientou a actualización das teses e liñas de actuación, que permitirá un maior grao de acción, durante o XVI Congreso que tivo como lema o de “Mocidade comunista ao servizo do povo e da patria galega”. 

Comentarios