Denúnciao o Comité da Memoria

A ‘ultradereita’ toma a palabra no Pleno de Celenova

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova denuncia o “feito inaudito” de que se permitise a intervención “dos ultra dereitistas denominados avogados cristiáns nunha institución democrática” para defender un “símbolo falanxista”.

pleno celanova
photo_camera (Foto: Comité)

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova denuncia que se viviu unha “xornada negra” esta cuarta feira no salón de plenos deste concelloda comarca Terra de Celanova no marco do debate da eliminación da simboloxía franquista.

“O alcalde, co apoio dos grupos que sustentan o goberno (Celanova Decide e o PSOE) decidiu dar a palabra no ‘escano cidadán’ a un representante do ultradereitista colectivo denominado Abogados Cristianos de España, branqueando o discurso de odio, neofascista e negacionista nun feito insólito nunha institución democrática do país”, afirma o Comité nun comunicado..

O pleno realizouse, segundo a explicación deste Comité de Memoria, con medidas “moi restritivas”. Ademais, engade, desde minutos antes do comezo da sesión e durante toda a sesión fíxose visíbel na praza Maior e nas inmediacións un despregue da Garda Civil “inusitado, con até cinco parellas e vehículos policiais, ademais da Policía Local. O Comité descoñece a xustificación deste despregue policial e considérao un acto intimidatorio gratuíto”.

“Cando, rematado o pleno, chegou a quenda reservada o ‘escano cidadán’ na que o Comité tiña concedida a palabra, o Comité abandonou a sala. Saíu tamén o concelleiro do BNG. Ficaron dentro os representantes do PP, Celanova Decide e PSOE”

Desde o BNG, e a través da súa conta de FB, lamentan que “O Goberno local de Celanova converteu toda a corporación municipal na primeira en admitir un discurso abertamente "fascista, negacionista e que incorre en delitos de odio" (como denunciou o Comité de Memoria) na sede dunha institución democrática”.

Outras vías

O Comité informa que considera “esgotada a vía municipal despois de que o grupo do alcalde, Celanova Decide, se unise o PP para rexeitar o debate da moción rexistrada por este Comité na que se demandaba a aplicación da Lei de 2007 sobre o símbolo fascista que foi presentada con antelación a todos os grupos (agás o PP, que ignorou o convite)”.

O pasado mes de febreiro,  Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova promoveu nun manifesto a eliminación do monumento fascista da cruz dos caídos levantada en 1939 por falanxistas no Outeiro da Obra, en Celanova. O Comité advirte que este símbolo “é unha exaltación pública e visíbel do golpe de Estado de 1936 contra a legalidade republicana, a guerra e a represión política durante a ditadura franquista, polo que está afectado pola Lei estatal de Memoria Histórica, e pedirá a súa retirada polo órgano competente que sinala a mesma lei, o Concello de Celanova”.

O manifesto que se fai público este 16 de febreiro -coincidindo coa data das últimas eleccións da Segunda República- está apoiado por entidades de memoria histórica da Galiza así como por outros colectivos que traballan neste ámbito, e inclúe asociacións de Asturias, Castela e León, Madrid e Euskadi.

Comentarios