sábado 08/08/20
POLÍTICA

A ultradereita maniféstase na Galiza contra un Goberno español "en mans do separatismo"

A Coruña, Vigo, Carballo, Ferrol, Ribeira e Compostela acolleron concentracións nas que, entre outras demandas, esixiuse a detención de Carles Puigdemont e Quim Torra.
Concentración na Praza do Rei de Vigo
Concentración na Praza do Rei de Vigo

A ultradereita protagonizou durante a xornada de hoxe un conxunto de concentracións fronte a varios puntos da xeografía galega, convocadas pola plataforma España Existe, próxima a Vox, partido dos que os seus responsábeis foron os encargados de ler un manifesto que foi igual en todos os municipios.

A Coruña, Vigo, Carballo, Ferrol, Ribeira e Compostela acolleron estas manifestacións, que tamén se desenvolveron en diversos puntos do Estado español.

Durante o transcurso das mesmas reivindicouse a "identidade de España", a súa "soberanía" e a "Constitución" fronte a "un Executivo en mans de separatistas". "España existe e non é un mito; non somos froito de ideas dun laboratorio", apuntaron.

Vox tamén fixo unha chamada aos votantes de esquerdas, "que son os máis estafados e que non queren que o seu voto se use para romper España".

Ademais, os concentrados reclamaron ao novo Executivo español que "combata aos inimigos da orde constitucional, logre a extradición do presidente da Generalitat Carles Puigdemont e deteña ao actual presidente de Catalunya, Quim Torra, porque dentro de España cabemos todos, menos os que queren romper o marco de convivencia".

comentarios