Ultimato ao Goberno de Castela e León antes de acudir ao Constitucional polo seu protocolo antiaborto

O Goberno de Pedro Sánchez esgota a última vía antes de emprender accións ante o Tribunal Constitucional.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

O Consello de Ministros aprobará hoxe un acordo polo que se require de incompetencia ao Consello de Goberno de Castela e León en relación a "actuacións que vulneren ou menoscaben a Lei Orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, ou o Real Decreto 825/2010, do 25 de xuño, de desenvolvemento parcial da anterior".

É o paso previo a iniciar accións ante o Tribunal Constitucional polas medidas antiaborto promovidas por Vox nese territorio.

Todas as medidas legais que teñamos que adoptar, adoptarémolas, en defensa das mulleres

Segundo informou a SecretarÍa de Estado de Comunicación, este requirimento de incompetencia ao Goberno de Castela e León "inclúe aquelas actuacións constitutivas de vía de feito" que vulneren ou menoscaben os dereitos regulados na citada lei e no decreto que o desenvolve ante a confusión xerada nos últimos días tras o anuncio do protocolo antiabortista e as declaracións contraditorias tanto do presidente Alfonso Fernández Mañueco (PP) como do vicepresidente Juan García-Gallardo (Vox).

A Xunta ten un prazo dun mes para contestar.

Vulneración dos dereitos das mulleres

O Consello de Ministros adoptará este acordo dous días despois de realizar un requirimento oficial á Consellaría de Sanidade de Castela e León para que se absteña de aprobar ou aplicar algunha medida que vulnere a actual normativa con respecto á Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE) tras o anuncio realizado polo Executivo autonómico para adoptar medidas sobre o aborto.

A este respecto, o ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños, advertiu que no caso de que o Executivo de Castela e León non responda a este novo requirimento, o Goberno iniciará "accións ante o Tribunal Constitucional en defensa dos dereitos e as liberdades das mulleres".

Neste sentido, explicou que o Executivo traballa "en distintas liñas de actuación" e "en todas as opcións posíbeis" e lanzou unha advertencia: "Todas as medidas legais que teñamos que adoptar, adoptarémolas, en defensa das mulleres", asegurou.

Ademais confirmou que hoxe mesmo o Consello de Ministros aprobará este novo requirimento de incompetencia, pois, ao seu xuízo, o Goberno autonómico estase "extralimitando" nas súas competencias, polo que lle reclama o "cesamento" inmediato de "calquera retroceso" no ámbito dos dereitos das mulleres.

Bolaños tamén cargou contra o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, a quen lle reprochou que "enmudeza" ante as medidas relativas ao aborto propostas polo goberno que forman PP e Vox na comunidade autónoma.

Comentarios