28A

O PSOE gañaría as eleccións xerais con 123-138 escanos e sería o máis votado na Galiza

O CIS sitúa o PSOE como gañador das eleccións xerais cunha estimación de 123 a 138 escanos, mais non prognostica maiorías claras para o goberno do Estado. Na Galiza o PSOE tamén sería a forza máis votada e entraría Vox pola Coruña.

Urnas.
photo_camera Urnas. Imaxe: RTVE

A macroenquisa do CIS realizada para as eleccións xerais do 28A dá a vitoria a Pedro Sánchez con 30,2% de votos e entre 123 e 138 escanos, mais non se prognostican maiorías claras de goberno.

O PP sería segunda forza, co 17,2% e entre 66 e 76 escanos; seguido de Ciudadanos cun 13,6%, que tería entre 42 e 51 escanos.  Unidas Podemos obtería un 12,9% e entre 33 y 41 escanos, e Vox contaría cun 11,9% e entre 29 e 37 escanos. A suma das tres forzas da dereita non sumarían para ter maioría absoluta.

Os escanos de Galiza

Segundo o estudo do CIS, o reparto de escanos na Galiza quedaría con 9-10 para o PSOE, 8-9 para o PP, 2 para Ciudadanos e En Común-Unidas Podemos (ambas formacións entrarían pola Coruña e Pontevedra) e 1 deputado para Vox pola Coruña. En canto a porcentaxe de voto, o PSOE tería en Galiza 23% dos votos por 19,4% do PP. A seguir está Ciudadanos con 7,5% e En Común-Unidas Podemos, 5,7%. De por parte, En Marea atinxiría 1,4%. O apartado doutros partidos reúne 4,5% do voto. 

O CIS preguntou diferenciando En Común-Unidas Podemos da candidatura de En Marea, mais non contabilizou a opción electoral do BNG, a quen os últimos inquéritos prognosticaban a posibilidade de obter un escano.

Presidente

Á pregunta de quen preferiría que fose presidente do goberno español, 24% das persoas enquisadas na Galiza respondeu con Pedro Sánchez, por 16,8% Pablo Casado e 13% Albert Rivera. Pablo Iglesias, 5%. Máis de 15% dos galegos e galegas enquisadas polo CIS responderon á pregunta con "ningún deles".

Un 65% das persoas preguntadas en Galiza para este estudo do CIS considera que a situación política actual no Estado español é "mala" ou "moi mala" mentres que apenas 2,3% responde que é "boa" ou "moi boa". A respecto da situación económica, 56% das persoas enquisadas responden que é "mala" ou "moi mala" e só "5,1%" consideran que é "boa". 

En base a esta sondaxe, para os galegos e galegas o paro continúa a ser o principal problema (45% das enquisadas), seguido dos "políticos e os partidos", que é o primeiro problema para 14% das preguntadas.

Valoracion dos partidos

Preguntadas pola valoración política das diferentes formacións con representación no Congreso, 56% dos galegos e galegas teñen unha valoración "mala" ou "moi mala" do PP, por un 49% que a teñen do PSOE e un 46% de En Marea.

Comentarios