A UE retira a prohibición das redes do xeito

A decisión adoptouse após a presión exercida polo sector através do BNG en Bruxelas.

[Imaxe Delmi Álvarez]
photo_camera [Imaxe Delmi Álvarez]

As 427 embarcacións galegas do xeito poderán continuar a faenar após retirar a Comisión de Pesca da UE a proposta de prohibición total das redes de deriva entre as que se atopaban o xeito, o racú e outras artes menores. 

Así o vén de comunicar a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, quen hai un ano acompañou unha delegación do sector para que, de maneira directa, exercesen presión sobre o goberno comunitario. 

"Unha moi boa noticia", asegurou Miranda, "para as poboacións costeiras galegas como Rianxo, Redondela, Cambados, e outras que dependen deste tipo de pesca". 

Ana Miranda: "Esta é unha moi boa noticia para as poboacións costeiras galegas como Rianxo, Redondela ou Cambados"

Así mesmo, a nacionalista puntualizou que "é evidente que a Comisión Europea retira a prohibición porque tería un impacto socio-económico moi grande na pesca artesanal galega e en moitas vilas" para alén de que "Galiza ten competencias propias para adoptar decisións sobre artes que se utilizan para pescar nas nosas rías". 

A arte do xeito explicou na súa visita a Bruxelas que a súa é unha pesca tradicional e non expansiva pois constitúen pequenas embarcacións con pouca capacidade de pesca, que faenan perto das rías e cuxas descargas non acostuman superar as 4 caixas de sardiñas e xoubas por barco. 

Comentarios