U-la declaración da renda e patrimonio de Rajoy?

Hai seis días o presidente do Goberno español prometía facer pública a súa declaración da renda e patrimonio. Núñez Feijóo loubaba esta quinta feira a decisión asegurando que era o "primeiro presidente da democracia" que o faría. Porén, o portal web da Moncloa aínda non a publicou. Sermos Galiza debulla a renda e bens do mandatario ao abeiro da declaración publicada en 2011.
Mariano Rajoy durante a comparecencia de imprensa
photo_camera Mariano Rajoy durante a comparecencia de imprensa

Na comparecencia de imprensa que o presidente español, Mariano Rajoy, daba o pasado sábado en diferido, anunciaba a con moito balbordo que faría pública a súa declaración de bens e renda como resposta a aqueles medios de comunicación que aseguraban que Rajoy percibira importantes cantidades de diñeiro durante un longo período de tempo, de maneira irregular e en negro. Así as cousas, a declaración a Facenda do presidente español non incluiría en ningún caso cobros recibidos en B.

No entanto a piques de se cumprir unha semana do anuncio --tempo fixado polo propio mandatario para levar a cabo a publicación-- nada se sabe do seu patrimonio e renda, agás, a información publicada o pasado ano 2011 en tanto que deputado do Parlamento español.

98.000 euros como presidente do PP e máis de 300 mil euros en fondos de investimento
Mariano Rajoy Brey presentou na pasada lexislatura a súa declaración de bens e rendas perante o Congreso. Segundo o documento con data de decembro de 2011, o líder d@s populares percibiu máis de 98.000 euros en concepto de dietas e gastos de representación do Partido popular. Aliás, Rajoy tería recibido o soldo equivalente a un ano en calidade de deputado --malia non aparecer recollido, habida conta que este salario fica exento de tributos. Porén, o actual presidente do Goberno español recolleu nese ano unha importante cantidade de diñeiro procedente de actividades financeiras e arrendamento de inmóbeis (27.277 euros).

Así mesmo, Rajoy Brey conta con máis de 300 mil euros en fondos de investimento e arredor de 144 mil en accións que cotizan en bolsa que se suman aos perto de 60.000 euros depositados en contas correntes.

Tres apartamentos en propiedade
A declaración patrimonial de Mariano Rajoy deixa ver que o líder d@s populares posúe vivendas espalladas por diversos puntos da xeografía do Estado. Neste senso, conta con tres apartamentos --en Pontevedra Madrid e Canarias-- amais dunha vivenda habitual situada na capital española e unha oficina en Pontevedra.

Pola súa renda, Mariano Rajoy tributou en 2011 87.651 € polo IRPF en 2011.

Comentarios