A TVG emite hoxe e en horario de baixa audiencia os debates "provinciais"

A TVG emite esta cuarta feira, 1 de xullo, catro debates electorais, en horario de baixa audiencia e por desconexión provincial. Insírense no programa 'Bos días' e non aparecen sinalados na grella que o medio público pendura na web. Cunha campaña baixo mínimos pola pandemia e cunha alta taxa de persoas indecisas, os debates na CRTVG non son protagonistas. 
Os debates da TVG desta terza, 1 de xullo, emítense ás 10 horas dentro do programa 'Bos días'.
photo_camera Os debates da TVG desta terza, 1 de xullo, emítense ás 10 horas dentro do programa 'Bos días'.

A televisión galega emite esta cuarta feira, 1 de xullo, ás 10 horas da mañá, catro debates electorais coas e cos cabezas de lista de cada circunscrición. Porén, transmítense por desconexión provincial, e só se poderá ver en cada circunscrición o que territorialmente lle toca.

Os encontros non son en directo, tal e como decidiu a CRTVG, e graváronse o día antes. Teñen unha hora de duración e seguirán un formato semellante ao do debate xeral da segunda feira en canto a temas e formacións participantes: PP, PSdeG, BNG, Galicia en Común, Marea Galeguista, Cs e Vox.

Ademais dstes debates emitírense nun horario de baixa audiencia, incompatíbel co horario laboral da maioría das galegas e galegos, cando só quedan escasas horas para que se boten pola televisión, a web da CRTVG segue sen anunciar os debates na grella de programación. Nela, simplemente sitúa o nome do programa contedor en que o debate se insire, 'Bos días', e nin sequera menciona que incluirá un debate e moito menos indica a súa hora de inicio (ás 10 horas).

A CRTVG presumiu no plan de medios que remitiu á Xunta Electoral que organizaría 9 debates. Porén, o certo é que só se organizou un único encontro con candidatas e candidatos a presidir Galiza e transmitiuse, na segunda feira 29 de xuño, até 13 días antes de votar. Non haberá ningún outro entre as e os líderes. Así, os 8 debates restantes da Galega son 4 a retransmitir por desconexión provincial na radio e outros 4 tamén por desconexión na televisión.

No debate xeral da TVG, Gonzalo Caballero, Antón Gómez-Reino, Ana Pontón e Pancho Casal acusaron o Goberno galego de "manipular" a CRTVG. De facto, a Xunta Electoral apercibiu a pasada semana o medio público por silenciar a candidata do Bloque Nacionalista Galego nos informativos, considerando que "non respectou" a neutralidade informativa. 

Pontón e Caballero instan Feixoo a "non fuxir dos debates"

A candidata do BNG, Ana Pontón, reclamou na terza feira, 30 de xuño, a Alberto Núñez Feixoo "que non fuxa dos debates" e retouno a volver confrontar as súas propostas porque "quedaron moitas cousas por abordar" no encontro da CRTVG.

En referencia ao debate entre líderes que emitirá a SER esta sexta ás 9 horas, Pontón retou Feixoo a non ausentarse. "Sería unha falta de respecto ás galegas e galegos". O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu a realización de debates cara a cara e poder confrontar directamente con Feixoo.

Comentarios