A TVG emite o debate esta noite na G-2 nun horario de audiencia residual

O debate entre as forzas políticas galegas na TVG vaise pór en antena esta noite na súa segunda canle e ás 22.45 horas, no horario en que se programa normalmente Foro Aberto. Na G2 é unha banda horaria de audiencia marxinal. En abril, Foro Aberto fixo unha media de 5.000 espectadoras/es, cando a TVG-1 supera doadamente os 100 mil.

Debate TVG europeas
photo_camera foto

A colocación do debate na segunda canle da TVG (a G2) foi un dos motivos que levou o BNG a apresentar un recurso contra o plano de cobertura das eleccións aprobado pola CRTVG. Entendía a formación nacionalista que a programación do debate na segunda canle era tanto como condenalo a ter cifras de audiencia residuais.

A TVG-1 promedia unha audiencia lixeiramente superior ao 10% (10 de cada 100 espectadoras/es galegos ven a galega), en tanto que a súa segunda canle se move en parámetros virtualmente clandestinos, por volta do 0,9% (menos de 1 de cada 100 espectadoras/es).

Desde a dirección xeral da CRTVG o argumento que se empregou para programar o debate na G2 é que esa é a canle deste tipo de espazos na televisión galega, en alusión a Foro Aberto. Mais Foro Aberto -conducido polo xornalista Carlos Luís Rodríguez, moi coñecido pola súa fobia ao nacionalismo galego- ten unha audiencia moi marxinal. Os últimos dados dispoñíbeis son paupérrimos: un promedio de 5.000 espectadoras/es por programa.

Degradación do servizo público

O BNG argumentaba no seu recurso que a decisión de desprazar o debate á G2 claramente degrada a calidade de servizo público que a CRTVG debe prestar á sociedade galega.  Para a formación nacionalista, a CRTVG serve aquí os intereses do PP, cuxa estratexia é a de desmobilizar a campaña e a de incentivar a abstención o 25-M. O PP sabe que a maior parte das e dos eleitores potenciais son críticos coa súa abstención e, portanto, non está interesado en mobilizalos. Bástalle con que só vaian votar os sectores máis identificados cos partidos concorrentes, coa ideia de que nese caladoiro ten opcións de ser a minoría máis votada.

Os argumentos do BNG non foron atendidos pola xunta eleitoral provincial e, portanto, o plano de cobertura ficou tal e como foi aprobado pola CRTVG.

Os últimos dados dispoñíbeis da audiencia da G2 nesa banda horaria son paupérrimos: un promedio de 5.000 espectadoras/es

Na TVE o debate bipartidista -o decorrido esta quinta feira entre Cañete e Valenciano- si foi programado na súa primeira canle e en horario de máxima audiencia.

Competir con Luar

No primeiro rascuño do plano, o debate íase realizar a quinta feira 15 de maio. Foi finalmente aprazado a esta sexta feira a consecuencia do asasinato da presidenta da Deputación de León, que trastocou as axendas. Finalmente, foi gravado onte e será emitido hoxe en falso directo. Ao ser desprazado á sexta feira, o debate competirá co prato forte da TVG no prime time, o veteranísimo Luar.

Comentarios