Tui recibe o rei con apupos e indiferenza

A Casa Real escolleu Tui para retomar a axenda do rei Felipe VI e a visita propiciou varios actos de protesta contra a monarquía española e en favor da república. Ao acto oficial, con presenza de Alberto Núñez Feixoo e outras autoridades institucionais, non acudiron representantes municipais do BNG.
Concentración contra a monarquía española en Tui (Nós Diario)
photo_camera Concentración contra a monarquía española en Tui (Nós Diario)

A presenza do Rei Felipe VI en Tui con motivo da súa visita á Comandancia Naval do Miño reactivou as protestas contra a monarquía na Galiza. Malia as grandes medidas de seguridade impostas pola Casa Real no municipio galego, que impediron nalgún momento a libre circulación pola vila, un cento de persoas convocadas por Galiza Nova e varios colectivos, como Causa Galiza e a Asemblea Republicana de Vigo, manifestáronse na glorieta de Vigo no paseo da Corredoira e tamén na beira do Miño portuguesa á altura do lugar onde decorreu o acto coas autoridades.

Como acontece noutros desprazamentos do monarca, tamén nesta ocasión estaba convocada unha concentración de apoio á xefatura do Estado a través da asociación Concordia Real Española que conseguiu reunir dúas ducias de persoas para recibir o monarca con berros de "Le queremos! Viva el Rey! Viva España!". 

Presenza institucional

Até Tui desprazouse o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feixoo, xunto ao presidente do Parlamento e o subdelegado do Goberno español na Galiza. Participaron tamén alcaldes e alcaldesas da zona da Comandancia Naval con excepción da rexedora de Tomiño e os rexedores das Neves e O Rosal, gobernados polo BNG. Desde a formación nacionalista quixeron manifestar desta maneira o seu rexeitamento á monarquía.

Manifestantes contra Felipe VI no Miño (Nós Diario)

“Galiza non ten Rei”      

O secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, sinalaba nas redes sociais que a intención da protesta era deixarlle "claro ao Borbón que non é benvido na nosa terra". O responsábel das mocidades do BNG aseguraba que "non hai cabida para a monarquía nunha democracia, témolo claro". Nunha mensaxe posterior á mobilización afirmaba que a mensaxe era que "Galiza non ten rei, somos cidadás libres e non súbditas dunha monarquía corrupta".

Minutos antes da chegada de Felipe VI, a Asociación para a recuperación da Memoria Historia Baixo Miño​ colocou flores en todos os monumentos da vila coa intención de protestar pola presenza do monarca no municipio. A diferenza doutras visitas esta primeira despois do verán non foi seguida con especial entusiamo pola sociedade de Tui após as últimas novas relacionadas coa situación do Rei emérito, Juan Carlos I, e a súa marcha aos Emiratos Árabes.   

Comentarios