O TSXG confirma a nulidade do nomeamento de Mónica Martínez

A edil coruñesa deixara Ciudadanos e entrara no Goberno local
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, coa concelleira Mónica Martínez. (Foto: Europa Press)
photo_camera A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, coa concelleira Mónica Martínez. (Foto: Europa Press)

Mónica Martínez, que obtivera en 2019 a acta de edil no Concello da Coruña tras concorrer ás eleccións municipais por Ciudadanos, renunciou hoxe ás súas competencias na área de Deportes do Goberno dirixido pola socialista Inés Rei, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmase a nulidade do seu nomeamento, en setembro de 2020.

O TSXG ratificou que Martínez deberá reintegrar á Administración municipal as cantidades percibidas como consecuencia do nomeamento anulado, é dicir, as que resultan da diferenza entre as cobradas na súa condición de responsábel de Deportes e as que lle correspondían con anterioridade como edil non adscrita.

Marea Atlántica foi quen denunciara o nomeamento ao consideralo "transfuguismo", e un xulgado déralle a razón nunha sentenza en abril, a cal agora ratifica o alto tribunal.

Na súa resolución, o TSXG sostén que "non se discute que a concelleira ten a consideración de membro non adscrito, nin que os actos administrativos impugnados lle recoñecen dereitos económicos superiores aos que lle corresponderían de permanecer no seu grupo de procedencia".

O tribunal salienta que a contía percibida "non está permitida" ao abeiro do artigo 73.3 da Lei reguladora das bases do réxime local, que dispón que "os dereitos económicos e políticos dos membros non adscritos non poderán ser superiores aos que lles corresponderían de permanecer no grupo de procedencia".

Aliás, recorda que a lei estabelece que os membros das corporacións locais "constituiranse en grupos políticos, na forma e cos dereitos e as obrigas que se estabelezan, con excepción daqueles que non se integren no grupo político que constitúa a formación electoral pola que foron elixidos ou que abandonen o seu grupo de procedencia, os cales terán a consideración de membros non adscritos".

O Goberno local acata a sentenza aínda que, indicou, non a comparte. Após avaliar as posibilidades de recurso por parte do Concello, Martínez renunciou ás súas competencias, que serán asumidas pola Alcaldía.

Comentarios