Tsipras defende unha solución federal para Catalunya e Escocia

A cuestión nacional foi un dos temas no debate dos candidatos a presidir a Comisión Europea. Alexis Tsipras, o candidato de Anova e IU, dixo respeitar o dereito de autodeterminación, mais advogou por "unha solución federal" para Catalunya e Escocia dentro do Estado español e o Reino Unido, respectivamente. A candidata verde si apoia a independencia.

debate
photo_camera Un momento do debate a 5


O dereito a decidir está na axenda política europea e mereceu un capítulo específico neste debate sen precedentes entre candidatos a presidir a Comisión Europea [por vez primeira na historia da UE, o novo presidente precisará o aval do Parlamento europeu].

A este respeito, o que dixo literalmente Alexis Tsipras, o líder de Syriza, foi: 'A esquerda europea respeita o dereito de autodeterminación dos pobos. Mais os conflitos entre os pobos non poden levar a ningún resultado positivo. Queremos respeitar o dereito a decidir o seu futuro de acordo co dereito internacional. Catalunya e Escocia poderían ter unha autonomía máis reforzada e ampla nas súas respectivas comunidades federais".

Por súa parte, a candidata do Partido Verde Ska Keller mostrouse partidaria de a UE "dar a benvida" a uns hipotéticos Estados independentes escocés e catalán. Keller colidera o Partido Verde europeu co líder agrarista francés José Bové, o aliado internacional do BNG nesta campaña. "Os escoces e os cataláns deberían ter recoñecido o dereito a decidir o seu futuro", afirmou. Foi alén diso ao acrecentar que, caso de ser ela presidenta da Comisión Europea, "os acollería [aos novos estados independentes] con moita satisfacción".

Sobre os procesos de Escocia e Catalunya, Tsipras dixo: "Os conflitos entre os pobos non poden levar a ningún resultado positivo".

Os candidatos con opcións reais de seren presidentes da Comisión Europea, o conservador Juncker e o socialdemócrata Shultz, tomaron distancia a respeito dos procesos autodeterministas en curso, mais con certos matices.

Juncker dixo, por unha banda, que era ben non se inmiscir desde a UE nos asuntos internos de ningún Estado soberano. Mas, por outra, manifestouse partidario do principio de respeitar as constitucións nacionais. Isto só atinxe o caso español, sendo que no Reino Unido non existe constitución escrita.

A candidata verde Ska Keller, colíder do partido europeu con José Bové, daría a benvida a uns novos estados independentes escocés e catalán

Foi máis directo Schultz ao estabelecer unha distinción entre o caso escocés e o catalán. Sen citar nunca explicitamente a Catalunya, o candidato socialdemócrata dixo que en Escocia ía haber un referendo e que non existe unha resposta unívoca na UE ante situacións semellantes. Acrecentou que de gañar a opción independentista en Escocia, tería de abrirse un proceso de negociación para unha eventual entrada na UE do novo Estado.

O liberal-demócrata Guy Verhofstadt defendeu abertamente o dereito a decidir e a non inxerencia da UE "neste asunto". "É unha cuestión", dixo, "a decidir entre os españois e os cataláns". Criticou o "papel negativo" de Barroso e Van Rompuy no conflito entre Madrid e Barcelona [por ser na práctica aliados do goberno español fronte ao catalán].

Comentarios