A Troika non deu a cara en campaña, Galiza si

Os partidos que pactaron a reforma neoliberal da Constitución española por mandato de Bruxelas abstíveronse en campaña de defender as políticas que aplicarán apartir do 26-M, mentres o BNG foi a única forza política parlamentaria que puxo a Galiza no centro da contenda eleitoral.

bng

A crónica desta campaña en Galiza non pode pasar por alto dúas evidencias. Primeira, a Troika -que é quen manda en Europa e que é quen continuará a mandar- non ten quen a defenda. Segunda,que a única forza política parlamentaria que se preocupou de que Galiza fose obxecto e suxeito da campaña foi o Bloque Nacionalista Galego e a súa entusiasta candidata, Ana Miranda.

A Troika é un ente que non ten ningunha lexitimidade democrática. Está formada polo Banco Central Europeu, a Comisión Europea e, ollo, o Fondo Monetario Internacional, unha institución financeira controlada polos EUA. A Troika é, portanto, un artefacto en mans de Berlín e Washington, a ferramenta da mesma alianza que está a xestar, de costas viradas á cidadanía, un tratado de libre comercio entre a UE e os Estados Unidos de América.

O BNG foi albo de ataque por parte do españolismo por aliar en campaña o protagonismo de Galiza e a crítica radical á UE

(...)

Pois ben, na campaña o partido maioritario, o PP, non ousou defender as políticas da Troika, embora as aplique sen rechistar e sen as cuestionar o máis mínimo. Non o fai porque sabe que esas políticas son profundamente anti-populares, porque -e os máis recentes inquéritos do CIS así o poñen de manifesto- non ignora que a sensibilidade anti-UE está a aumentar a pasos axigantados na sociedade. Obviamente, tampouco ataca o PP a Troika, nen propón nengunha alternativa. (...)

A sombra de Felipe

Mentres, o PSOE fabula con outra Troika. Outra Troika é posíbel. O problema, para Valenciano e Rubalcaba, non está en que Hollande e Valls vaian cortar o gasto público en 50.000 millóns de euros, senón en que Durão Barroso non é socialdemócrata. Durante toda a campaña, claro, o PSOE fuxiu da sombra proxectada por Felipe González no pórtico da contenda eleitoral cando, en connivencia con Cañete, advogou abertamente por un goberno de concentración bipartidista no Estado. A perspectiva dun goberno de coligación como o de Alemaña deixaba sen discurso a Valenciano, co cal Rubalcaba mandou parar, cunha declaración -non haberá goberno de coligación mentres eu sexa secretario xeral- que ninguén se toma a serio en Ferraz.

Canto a AGE, o seu discurso foi basicamente o de IU, unha invectiva abstracta contra a Troika, con moi pouco peso das mensaxes nacionalistas e/ou soberanista (xa non digamos independentista), convencidos de que o seu eleitorado está máis no PSOE que no BNG e con certo temor a que a irrupción de Podemos -a mesiánica operación do mediático Iglesias- lle reste atractivo  nos círculos máis novos e próximos a movimentos como o 15-M.

Incentivar a abstención

Esta non foi a campaña imaxinada por Rajoy. A campaña imaxinada por Rajoy era ningunha campaña. Ningún ruído. Ningunha polémica. A campaña da menor mobilización posíbel. O PP entende que o 25 de Maio só vai dar mobilizado a pouco máis da metade do seu eleitorado potencial. Ese é neste momento o seu teito. Daí que xogase con descaro a baza da abstención. O PSOE, tamén, aínda que, a raíz da declaración machista de Cañete, variase a última hora o seu deseño e elevase algo o ton, coa esperanza de así persuadir os abstencionistas máis próximos ás súas siglas.

(...)

A Troika chega até aí. O BNG foi o albo de ataques por parte do españolismo -que utilizou a UPyD como ariete para reducir a presenza do Bloque na televisión e na radio galegas- por aliar en campaña o protagonismo de Galiza e o cuestionamento da UE, sendo congruentes coa frase de Xosé Manuel Carril, número 2 a Bruxelas, "o BNG é a antítese da UE".

A versión íntegra deste artigo podes achala nos quiosques do país, no número 97 de Sermos Galiza, disponíbel tamén na nosa loxa.

Comentarios