O traspaso da AP-9 debátese esta terza feira no Congreso

Diego Calvo (PP), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) defenderán a proposta.
Dous camións pasando pola AP-9 (Foto: Arxina).
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Foto: Arxina).

O Pleno do Congreso debaterá a vindeira terza feira, 2 de febreiro, a proposición de lei do Parlamento da Galiza que pretende o traspaso das competencias da autoestrada AP-9 á Xunta. 

Concretamente, a iniciativa estabelece a transferencia á Galiza da titularidade e as competencias sobre o réxime de concesión, e as funcións e servizos exercidos até agora pola Administración Xeral do Estado.

Pola súa banda, o Goberno estatal, segundo o texto aprobado polo Parlamento galego, "conservará ao seu cargo, respecto da sociedade concesionaria da autoestrada, as obrigas con repercusións económicas e financeiras derivadas da aplicación da concesión en vigor que fosen motivadas por modificacións adoptadas no período en que tivo a competencia".

A Cámara galega designou como representantes Diego Calvo, como vicepresidente do Parlamento e deputado popular; Ana Pontón, como líder da oposición, e Gonzalo Caballero, en representación da bancada socialista. Após o debate que terá lugar a terza feira, as e os deputados estatais decidirán sea proposta é admitida a trámite ou non.

Operación vetada por Raxoi

Cómpre lembrar que o Parlamento xa intentara en anteriores ocasións obter as competencias da AP-9, grazas a acordos unánimes entre as diferentes forzas políticas galegas. Porén, malia o voto favorábel do PPdeG, a iniciativa topou dúas veces co veto do Executivo liderado daquela por Mariano Raxoi

Logo do encontro mantido a pasada sexta feira entre o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, e o do Estado, Pedro Sánchez, fontes da presidencia da Xunta confirmaron a Nós Diario que "non se falou de data" en que se aplicarán as bonificacións das peaxes desta autoestrada, malia estaren comprometidas nos Orzamentos Xerais de 2021.

Pola súa banda, a pesar de non ofrecer datas concretas, Sánchez prometeu que a baixada das peaxes será realidade, que se liberará o tramo Vigo-Redondela e que se fará a transferencia da autoestrada a Galiza.

Comentarios