A transferencia da AP-9, nova prioridade en todas as axendas

Despois de dez anos sen reclamar unha soa competencia, o PP apúntase cada vez con máis decisión á demanda da transferencia da AP-9. A suba das peaxes en xaneiro volve colocar na axenda dos grupos a cuestión. Algúns vén unha oportunidade nas negociacións para o Goberno no Estado.
Pontón, esta segunda feira no Parlamento (2)
photo_camera Pontón, esta segunda feira no Parlamento.

Todos os grupos parlamentarios da Cámara galega que compareceron onte pola mañá para laiarse das novas subas anunciadas nas peaxes da AP-9 (compareceron todos, agás o PSOE, que presentou na súa sede un think tank) están de acordo en que as competencias sobre a xestión da principal vía de comunicación por estrada na Galiza deben ser asumidas pola Administración galega. Esa demanda histórica do nacionalismo foi sumando adhesións. Mais seguen sendo as nacionalistas quen achegan novos argumentos á reivindicación. Ana Pontón lembrou na súa rolda de prensa das segundas feiras que "a estafa" das peaxes que colocan a AP-9 no podio das autoestradas máis caras do Estado supoñen "unha barreira" tanto para milleiros de potenciais usuarias e usuarios que non a utilizan polo seu excesivo prezo como para "o desenvolvemento dos sectores produtivos". Pontón colocou a AP-9 nun lugar prioritario na "axenda galega" que o BNG, da man de Néstor Rego, defenderá no Congreso. Prioritario, mais non tanto para condicionar apoios á investidura de Sánchez, matizou a líder nacionalista.

Pola súa banda, Luca Chao, portavoz do Grupo En Común da Esquerda, tamén se referiu a unha "axenda galega" e durante a presentación das 395 emendas do seu grupo aos orzamentos tamén sinalou a necesidade de xestionar as infraestruturas. E mesmo Chao suxeriu que nun Goberno de coalición PSOE-Podemos no Estado a transferencia estará enriba da mesa desde o principio porque "Galiza vai ter un peso  fundamental". Desde En Marea, David Rodríguez criticou a suba das peaxes a partir do 1 de xaneiro e reclamou a transferencia. "Outra cuestión é a gratuidade. Primeiro, a transferencia. Despois, haberá que estudala".

Pedro Puy, polo PP, cargou contra o Goberno Sánchez. "Non adoptou medidas para evitar as subas. Os populares tamén piden renegociar a transferencia.

Ethel Vázquez quere renegociar con Audasa

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, insistiu onte na necesidade de "revisar" o convenio polo que se compensa a Audasa polas obras de ampliación da AP-9 para que "deixe de ser un lastre para os galegos".

Ethel Vázquez fixo esta afirmación en Vigo. A conselleira lembrou que o Goberno galego conta cunha proposta para estudar un acordo e calcula que aa concesionaria "recibirá 1.400 millones de euros por obras que custaron 200". En concreto, pediu unha rebaixa en 265,94 millóns de euros e que o importe sexa asumido polo Goberno central, en lugar das usuariaos da vía.

Ademais, Ethel Vázquez criticou que, en xaneiro, a AP-9 rexistrará o "maior" aumento de peaxe de todas as estradas do Estado, mentres que noutras comunidades se suprimiu a recollida destas. Así, Ethel Vázquez recordou que a estrada do Atlántico "vertebra" 60% da Galiza e explicou que o aumento das peaxes supón un "delito" para os galegos fronte aos residentes noutras rexións. 

Comentarios