PREPARA O AMBIENTE PARA A MARCHA EN COMPOSTELA

Súmanse novos reforzos á tractorada de Lugo

Despois de amencer con perto de 90 tractores na rúa, a tractorada de Lugo refórzase. Logo de decidiren en asemblea que continuarán de maneira indefinida coa mobilización, os gandeiros e gandeiras fixeron un chamamento pedindo o apoio de máis tractores.

[Imaxe: @vilagz]
photo_camera [Imaxe: @vilagz]

Máis un día, Lugo amenceu con tractores ao pé da muralla para reclamar un prezo xusto para o leite. Os gandeiros e gandeiras decidiron en asemblea continuar coa protesta na cidade, que acubilla a tractorada desde a pasada quinta feira, após de que a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, mantivera un encontro con representantes do sector.

A explicación de Rosa Quintana non convenceu todos os afectados e afectadas pola crise do leite, que, malia o cansanzo, seguiron coa mobilización no día de hoxe. Segundo fontes do sector, pasaron a noite na cidade perto de 90 tractores. Os gandeiros e gandeiras acordaron en asemblea continuar coa tractorada de Lugo de maneira indefinida e pedir reforzos, polo que a estas horas hai máis dun cento de tractores nas rúas da cidade amurallada.

Mobilización en Compostela

Coa permanencia da tractorada en Lugo, os gandeiros e gandeiras preparan o ambiente para a mobilización convocada en Compostela entre o 7 e o 10 de setembro, onde se prevé que se reúnan 5.000 tractores durante tres días. Coa vaga de protestas que emprendeu o sector este verán, preténdese lograr un prezo xusto para o leite e acabar co inmobilismo da Xunta de Galiza e do Goberno central.

A Plataforma galega en defensa do sector lácteo advirte de que corren risco de desaparición milleiros de explotacións en todo o país. E é que, segundo o Ministerio de Agricultura, o prezo de rendibilidade do litro de leite está nos 36 céntimos, cando en Galiza -onde se pagan os prezos máis baixos de toda Europa por litro de leite- oscilou entre 20 e 27 céntimos.

Comentarios