"Traballamos para que Galiza teña voz directa en Europa, non para os intereses dunha forza política estatal”

O portavoz nacionalista confía en que en poucas semanas se poida pechar a ''gran coalición'' de forzas da esquerda nacionalista de Galiza, Euskal Herria e Catalunyan para concorrer ás europeas. Vence convida a outras forzas galegas da esquerda nacionalista a se sumar a esta aposta.

photo_camera Xavier Vence, portavoz nacional do BNG

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, considera que en ''poucas semanas'' podería estar pechada a gran coalición de forzas nacionalistas de esquerda de Galiza, Euskal Herria e Catalunya para concorrer ás europeas. Vence, que realizou estas declaracións nun encontro co Colexio de Xornalistas de Galiza, explicou que avanza a conformación desa “gran coalición” e que ten un “dobre obxectivo”. Por unha banda, “acadar que Galiza teña unha voz forte e directa en Europa e tamén para construír outro modelo de Europa solidaria e dos pobos, alternativa ao modelo neoliberal que impón a Troika e a gran banca”.

“Queremos construír outro modelo de Europa solidaria e dos pobos, alternativa ao modelo neoliberal que impón a Troika e a gran banca”

 

O portavoz nacional do BNG reiterou a oferta do BNG para que podan sumarse ás forzas nacionalistas de esquerda de Galiza a esta macrocoalición. “Hai unha diferencia substancial entre as forzas nacionalistas galegas e as estatais: nós traballamos porque Galiza teña voz directa en Europa, non para os intereses dunha forza política estatal”.

Tendo en conta que se trata dunha circunscrición estatal, explicou Vence, “a mellor opción é sumar con outras forzas políticas en Galiza que teñen este perfil nacionalista de esquerdas e coas forzas doutros territorios que comparten o mesmo obxectivo”. Tamén afirmou que “a unidade de acción do nacionalismo segue a ser un obxectivo do BNG, desde o convencemento de que é o mellor para o país”, concluíu.

Espíritu de Riotorto

Xavier Vence entende que hai 8 meses comezou unha nova etapa no BNG que “nos permitiu recuperar o impulso político e liderar a oposición ás políticas de recortes e de fiscalidade regresiva do PP, tanto nas institucións como na rúa”.

"Debemos atender as necesidades da maioría social e dos colectivos máis castigados pola crise"

Salientou, asemade, que o BNG “demostra nos concellos onde goberna que somos capaces de levamos a cabo iniciativas diferentes, cun sinal de identidade propio que consiste en atender ás necesidades da maioría social, dos colectivos máis castigados pola crise, no que temos denominado espírito de Riotorto”.


 

Comentarios