Traballadores de Ence boicotean o pregón da Peregrina e lanzan obxectos ao alcalde

O rexedor, xunto con outros membros da corporación municipal, tivo que refuxiarse nun café cercano para evitar as agresións
Traballadores de Ence no Concello de Pontevedra. (Foto: PP Pontevedra)
photo_camera Os traballadores de Ence xa trataran de agredir o alcalde o pasado mes de marzo na sede do Concello de Pontevedra. (Foto: PP Pontevedra)

Accidentado inicio das tradicionais festas da Peregrina de Pontevedra. 

Máis dun cento de traballadores de Ence e de empresas subcontratas cumpriron a súa palabra de concentrarse diante do palco da música, lugar do pregón, para boicotear o acto, porque, tal e como sinalaran días antes, para eles "non hai ningún motivo de celebración nin de festa".

Non obstante, e logo de que tomase a palabra a pregoeira -Violeta Mosquera, artista e integrante do grupo Bala-, deixaron atrás os asubíos e os apupos e comezaron a lanzar as vallas metálicas que acordoaban o recinto, así como outros obxectos, ao alcalde da Cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores, así como a outros membros da corporación municipal.

Ante a escasa presenza policial, incapaz de garantir a seguridade das persoas atacadas -e doutros veciños contrarios á presenza de Ence na ria cos que tamén se enfrontaron- estas víronse obrigadas a refuxiarse nunha cafetería próxima.

A concelleira Carme Da Silva manifestou despois dos incidentes que estes responderon a "instrucións da empresa", e criticou a súa "agresividade" e a "falta de respecto a Pontevedra e á pregoeira", ademais do feito de que un dos músicos alí presentes resultase ferido.

Pola súa banda, un portavoz dos traballadores de Ence sinalou que en agosto "vai haber moitas máis concentracións".

Comentarios