Protesta en Lavacolla contra o ERE de Iberia, que afecta en Galiza a un de cada 4 traballador@s

Traballador@s de Iberia en Galiza participan esta segunda feira nunha concentración no aeroporto de Lavacolla contra o ERE desta compañía, que afecta un de cada catro operarios da empresa no noso país
Lavacolla

A concentración dos traballadores de Iberia comezou ao mediodía e prolongarase durante dúas horas, realizándose en Lavacolla, perante os mostradores de facturación que a compañía ten no aeroporto de Compostela. A protesta, convocada por CIG, CCOO e UGT, denuncia o ERE que aplica esta empresa e que afecta a 3.800 empregad@s, o que representa a nivel de Estado o 19% do cadro de persoal.

No que atinxe a Galiza, e segundo os comités de empresa, o ERE resultará nuns 75 despedimentos nun cadro de persoal que rolda as 300 persoas. Isto supón un 24% de afectados e afectadas polo expediente. Iso si, os tres aeroportos galegos non sofrerán coa mesma intensidade. Así, a compañía prevé o despedimento de 11 dos 60 empregados que ten no aeroporto coruñés de Alvedro, o que supón un 18% do cadro de persoal. No que atinxe ao aeroporto de Lavacolla (Compostela), fálase de 39 afectados e afectadas polo ERE dun plantel de 170. Iso implica que o 23 por cento dos traballadores e traballadoras de Iberia no aeroporto da capital de Galiza se verían envolvidos no expediente de regulación de emprego. A respeito de Peinador (Vigo), os datos que se ofrecen é que habería por volta de 25 despedimentos nun cadro de persoal que se aproxima das 75 persoas. Así pois, perto dun terzo do plantel de Iberia neste aeroporto iría para a rúa de saíren adiante os plans da compañía.

Segunda semana de folga

Iberia afronae desde esta segunda feira a súa segunda xornada de folga, con máis de 1.300 vóos afectados, dos que 231 serano hoxe mesmo. 

As intencións de Iberia son as de comezar os despedimentos a meados do presente mes de marzo. Os e as despedidas recibirán unha indemnización de 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensalidades (o que se dispón após a reforma laboral).

Para os sindicatos, estariamos ante o que cualifican dun "plan de desmantelamento da compañía", pois Iberia non está a falar só de despedimentos, mais tamén de recortes salariais (até dun 30%), alén dun redeseño mesmo das rotas aéreas (cun corte do 15% este ano). Para as centrais, Iberia era rentábel até a fusión con British Airways, dando lugar ao holding IAG. Falan de que a compañía británica tiña un buraco de máis de 5.000 millóns de euros no momento da unión.

Comentarios