Touriño critica o PSOE e pídelle que constrúa “un proxecto serio e solvente”

O ex-presidente socialista da Xunta amosa distancia a respecto da actual dirección que encabeza Gómez Besteiro e asegura que “o relevo xeracional non é suficiente” para superar a crise do seu partido.

Touriño
photo_camera Touriño

O ex-presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño cre que o PSOE, tanto en Galiza como no Estado, necesita construír un proxecto "críbel, de confianza e solvente" con "carácter de urxencia", nunhas declaracións á Cadena Ser nas que mostrou abertamente a súa distancia co partido ao que pertence e co que alcanzou a presidencia do país xunto ao BNG hai dez anos. 

O antigo líder do PSdeG amósase escéptico respecto aos pactos "cunha suma de multitude de partidos"

"O que está demandando a cidadanía, desde a perspectiva do PSOE, é a presentación e construción dun proxecto serio para poder gobernar este país desde un apoio maioritario", dixo Touriño, que engadiu que considera que o Partido Socialista debe "aplicarse" a esta tarefa con "carácter de urxencia". "E deixar aparcadas todas as cuestións que teñen que ver coa organización interna e as preocupacións internas, que sempre deberían ser absolutamente secundarias", engadiu.

Ao ser cuestionado pola renovación no liderado do PSOE e do PSdeG -con Pedro Sánchez en Madrid e José Ramón Gómez Besteiro en Galiza-, asegurou que a "substitución xeracional" é "necesaria", pero "en ningún caso suficiente”, o que se pode entender como unha critica á actual dirección da compostelá rúa do Pino. Para rematar, Touriño non se atreveu a desvelar as súas preferencias cara aos eventuais pactos após as municipais, aínda que se mostrou escéptico ante "a suma dunha multitude de partidos".

Comentarios