Cinco 'xoias' do deputado Cantó: da imposición do galego aos touros sen dereitos

Antes en UPyD e agora en Ciudadanos, Toni Cantó ten a facilidade para se situar no albo do efecto búmerang das súas propias polémicas, con chíos e declaracións nas que tivo que recuar en máis dunha ocasión. Aquí deixamos cinco desas lameiras.

Acaba unha semana política na que Toni Cantó foi un dos seus protagonistas indiscutíbeis. O deputado de Ciudadanos botou a lingua a pacer e afirmou no Congreso español que “o castelán desapareceu en Galiza”. A resposta unánime recibida desde Galiza obrigou o parlamentar a se desculpar. Mais non é esta a primeira vez que o exactor se mete en lameiras polas súas declaracións.

1) Comparar a inmersión lingüística coa pederastia. O daquela deputado de UPyD afirmaba nunha entrevista en Jotdown en relación á inmersión lingüística en catalán que era necesario poñer límites “da mesma maneira”, engadiu, “que non se pode dicir que se permita aos pederastas campar ás súas anchas”.

2) “A maioría das denuncias por violencia de xénero son falsas”. Así, textual, escribiu Cantó na súa conta de twitter, cun engádego final: “e os fiscais non as perseguen [as denuncias 'falsas]. As estatísticas están nesgadas”. Afondaba así o deputado nunha das súas lameiras favoritas, pois entre as 'xoias' que escribe están algunhas como esta: “Sabías que un terzo das mortes por violencia doméstica en España son homes?”.

3) Os touros non teñen dereitos. Como é habitual niso que se ten chamado a nova dereita española (e na vella tamén), Cantó defende as touradas. Os argumentos que empregou para cargar contra os que se opoñen a esta práctica son do máis variado, así como os argumentos con que defende esta 'tradición española'. Un deles foi o de “nin os touros nin o resto de animais teñen dous dereitos fundamentais: o da liberdade e o da vida”.

4) Otegi e o twitter desde o cárcere. “Todos os presos teñen as facilidades de Otegi para tuitear desde a súa celda?”. Cantó provocou non poucas burlas e brincadeiras con este chío, onde daba por feito que o líder da esquerda abertzale (naquela altura, preso) tiña acceso a internet e móbil. Algúns internautas tomáronse a molestia de explicarlle ao deputado español o secreto: a conta de twitter de Arnaldo Otegi era mantida e actualizada por persoas desde fóra de prisión.

5) “É un feito que o castelán desapareceu en Galiza”. O propio palamentar de Ciudadanos tivo que recuar horas despois de pronunciar esta frase no Congreso e recoñecer que tal cousa non era verdade. Mais a frase non era o único despropósito. Cantó defendeu unha proposta para excluír a lingua propia de Galiza da administración. Unha iniciativa que tivo o apoio de 12 deputados e deputadas galegas do PP.

Comentarios