Moitas caras coñecidas no novo executivo galego

Tan só unha cara nova entre as persoas que acompañarán a Alberto Núñez Feijóo durante esta lexislatura. Fracisco Conde, xurou esta segunda feira como conselleiro de economía dun executivo galego cargado de "caras coñecidas", como asegurou o propio presidente da Xunta.
photo_camera Foto de grupo do novo executivo galego

"De novo o goberno máis reducido de todas as nacionalidades históricas", afirmaba Núñez Feijóo na toma de posesión das persoas que serán conselleir@s até 2016. Como xa se adiantaba ao longo da pasada semana, o executivo galego estará composto por oito persoas e poucas sorpresas. De entre todas elas, tan só a chegada de Fracisco Conde á consellaría de Economía racha co esquema do anterior goberno. Porén, Alberto Núñez Feijóo crea --de novo-- unha vice-presidencia --após catro anos sen esta figura-- e sitúa á fronte dela á súa man dereita, Alfonso Rueda.

Seis d@s oito conselleir@s foron nas listaxes electorais do PP o 21-O

O que arestora segue a ser secretario xeral do Partido Popular, desenvolverá tamén as funcións de conexión entre o executivo galego e o Parlamento para alén de exercer a presidencia, cando o líder do goberno galego estea ausente. Malia que pode considerarse un premio ao que até o momento foi un dos homes fortes de Núñez Feijóo, o presidente da Xunta apurou no seu discurso a rachar con esta idea e asegurou que a súa decisión non procuraba ser un agasallo "á lealdade", senón que Alfonso Rueda, dixo, "é a persoa máis axeitada" para ocupar un cargo desta responsabilidade.

Porén, as primeiras palabras da súa intervención dedicounas á única persoa que fica fóra do novo executivo, Javier Guerra, a quen lle amosou o seu "recoñecemento" polo traballo desenvolvido na que dixo, foi a "etapa máis dura da historia". No entanto, Alberto Núñez Feijóo asegurou que "eran precisas mudanzas" e neste sentido salientou a chegada á equipa de goberno de Francisco Conde. Segundo o líder do executivo, Conde respondía aos "requisitos" que exixe o cargo de conselleiro e salientou o seu "coñecemento teórico, político e económico". Aliás, afirmou que o seu obxectivo é traballar "pola Galiza global", un dos obxectivos cobizados polo presidente para esta lexislatura.

Núñez Feijóo loou a figura de Javier Guerra, o único conselleiro que non repite nesta lexislatura

As demais consellarías estarán ocupadas polas mesmas persoas que no anterior exercicio. Jesús Vázquez recunca á fronte de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Malia a existencia dunha opinión pública desfavorábel após as sentenzas promulgadas polo TSXG, Alberto Núñez Feijóo confiou de novo no ourensán para renovar a súa responsabilidade. Xunto a el, Elena Muñoz Fonteriz contiuará como conselleira de Facenda e Agustín Hernández como conselleiro de medio ambiente, territorio e infrastruturas á fin de pular por unha "Galiza máis vertebrada" que respecte, asegurou o presidente galego, "as cores azul e verde deste país". Asemade, o novo executivo contará catro anos máis con, Rocío Mosquera, que recunca na consellaría de Facenda após incorporarse na pasada lexislatura tras a saída de Pilar Farjas cara a Madrid. Pola súa banda, Beatriz Mato levará a consellaría de Traballo e Benestar e Rosa Quintana, Medio Rural e do Mar.

Alfonso Rueda pasa a ocupar a vice-presidencia da Xunta pois, "é a persoa máis axeitada", asegurou o presidente

Alberto Núñez Feijóo, baseou a súa decisión de manter nos seus postos a maior parte d@s conselleir@s pola "experiencia" con que contan todas as persoas que tomaron parte do anterior executivo; a necesidade de dar continuidade "á axenda trazada" durante a pasada lexislatura e ao apoio que @s galeg@s lle deron a 6 das oito persoas que compoñen o goberno, ao concorreren aos comicios nas listaxes electorais. Desta maneira, Núñez Feijóo quixo salientar o aval que para o seu novo goberno supuxeron os resultados electorais obtidos o pasado 21-O.

Así as cousas, o presidente da Xunta de Galiza avanzou que a estrutura administrativa do goberno galego continuaría a mudar en aras dun maior aforro, como xa apuntara no seu discurso de investidura.

Comentarios