ÚLTIMAS MENSAXES: ESTABILIDADE (PP), OPCIóN DE PAíS (BNG), SOCIALDEMOCRACIA (PSOE), POLíTICA NOVA (MAREAS)

Crónica de fin de campaña: todo pronto xa para votar

Final. Concluíu ás 24 horas desta sexta feira 22 de maio unha campaña eleitoral que non se afastou nen un milímetro do seu guión de primarias das eleccións xerais de novembro/decembro. As últimas mensaxes, antes da reflexión ritual, foron tamén as previsíbeis: o PP fixo un cántico á estabilidade, o BNG apresentouse como única opción de país con presenza en todos os concellos, o PSOE reivindicou a propiedade do termo socialdemocracia e as Mareas a patente da política nova.

BNG Vigo, municipais 2015
photo_camera Encerramento de campaña do BNG

Vigo foi a praza eleita polo BNG para fechar a campaña eleitoral das municipais. A mensaxe de Vence foi a que transmitiu durante estes quince días de procura do apoio cidadán: o voto ao BNG vale por 2. É un voto progresista, nas antípodas das políticas neoliberais e antisociais. E é tamén un voto en chave galega, “un voto para construír un proxecto nacionalista no conxunto do país”. Un voto de país.

Vence fixo unha apelación directa ás persoas que aínda non teñen decidido o seu voto, un continxente importante segundo os estudos demoscópicos.

Xavier Vence: “Somos a única opción de país que planta cara para derrotar o PP, desde todos os concellos”

“Somos a única opción de país que planta cara para derrotar o PP, palmo a palmo, desde todos os concellos”, dixo o portavoz nacional do BNG, nunha clara alusión aos movimentos municipalistas que non cobren todo o territorio nen teñen articulación entre si.

Feijóo en Pontevedra, municipais2015

O dirixente nacionalista vendeu tamén dúas ideas forza. Unha, o BNG é un dique de contención face as políticas anti-populares da dereita. Dúas, o BNG, alí onde ten o goberno, é eficaz e é quen xerar progreso e riqueza. Hai un modelo de xestión nacionalista exitosa xa contrastada, enfatizou Vence. “Este modelo de concello xa existe, -en Pontevedra, Allariz, Carballo, Ribadeo, Tomiño, Rianxo, Bueu, Riotorto,...- demostramos que é posíbel alí onde gobernamos e queremos encher Galiza destes concellos o 24 de maio”, recalcou. 

A maioría moderada do PP

Neste final de campaña, no Palacio de Congresos da Coruña, o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, animouse a facer o seu contributo á teoría política. Onde Fraga falaba de "maioría natural", en alusión á converxencia entre a extrema dereita, o centro e a dereita, Feijóo fala agora de "maioría moderada", na que supostamente se atoparía a parte do león do eleitorado. O PP sería o referente político desa maioría e o único garante da "estabilidade", a outra palabra fetiche no discurso presidencial.

Beiras, mitin en Teo, municipais2015O outro trazo do discurso, subliñar a españolidade de Galiza, pola vía de -e nisto si se emparenta con Fraga- de reclamar a condición de "galegos e españois" para as cidadás e os cidadáns deste país.

Beiras, en Teo

O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, fechou campaña en Teo, feudo do aspirante á Alcaldía de Santiago, Martiño Noriega.

Na súa intervención, Beiras puxo en valor a achega de Anova ás mareas -dixo que apoia até 70 candidaturas "cidadás"en todo o país- e mostrou o seu desexo de que o curso político conclúa no outono/inverno próximo -momento de realización das eleccións xerais- cun encontro entre a esquerda e o nacionalismo para entoaren xuntos o "Alba de Gloria" de Castelao. "Fago votos por que sexa así", engadiu. 

Besteiro, nas Pontes e na Estrada

Besteiro, nas Pontes, municipais 2015

As Pontes e A Estrada foron as vilas en que Besteiro, como secretario xeral do PSdeG, puxo fin á campaña da formación socialdemócrata. "Somos a esquerda útil", dixo o líder do Partido Socialista na Galiza, cun ollo posto nas marcas emerxentes, Podemos e Mareas, que aspiran a pescar nos seus mesmos caladoiros de votos.

Besteiro -que este sábado estivo escoltado polo seu chefe de fileiras estatal, Pedro Sánchez, en senllos actos en Vigo e na Coruña- devolveu o golpe a Feijóo [o líder do PPdeG interpelou directamente en campaña as bases moderadas do PSOE] e pediu o voto aos eleitores que votaron PP no 2011 e que agora se senten traizoados. 

O PP, acusou Besteiro, goberna de "costas aos cidadáns", en canto que o PSOE "quer sumar e non dividir".

Compromiso, en Vigo

Tamén pechou campaña en Vigo Compromiso por Galicia. O candidato local Miguel Barros deu o último discurso no Centro Social Afundación, acompañado do secretario xeral, Xoán Bascuas.

Compromiso por Galicia encara este 24 de maio con expectativas. “As nosas sondaxes e inquéritos confirman sen ningunha dúdida que o 24-M, CxG terá representación en Vigo", dixo Bascuas.

Fin de campaña

Conclúe, pois, a campaña sen que durante estes 15 días as distintas forzas en xogo se movesen en exceso dos seus respectivos libretos. Non se caracterizou a disputa eleitoral por grandes confrontos persoais, marcada tamén pola ausencia de debates [os da TVG foron só un simulacro, lastrados, aliás, pola emisión nunha canle, a segunda, de audiencia residual], en boa parte motivada polos vetos interpostos polo Partido Popular (o caso paradigmático, A Coruña).

A campaña, en todo caso, féchase coas mesmas incógnitas coas que se abriu: que capacidade de resistencia terá o bipartidismo estatal? será quen Galiza de manter un espazo político propio, blindado aos ecos madrileños? responderán as forzas emerxentes -de Ciudadanos a Podemos pasando polas Mareas- ás expectativas criadas polos media e alimentadas polos inquéritos?

Nota: todas as fotografías que acompañan esta información foron tiradas das contas twitter das forzas políticas galegas.

Comentarios