Todo sobre a cobertura da campaña electoral

Co comezo da campaña electoral, o diario dixital Sermos Galiza inicia unha cobertura especial centrada nas persoas que encabezan as listas das forzas políticas, en representantes do tecido social e cultural, que expresarán a súa visión a respecto dos comicios xerais, e nas temáticas máis cruciais para Galiza.

Redacción Sermos
photo_camera Redacción de Sermos Galiza

Conta atrás para o 28 de abril e con ela o diario dixital Sermos Galiza dá comezo a unha cobertura especial até o propio día das eleccións xerais. Até a xornada de reflexión, daremos conta das propostas e posicións que manteñen PP, PSOE, En Común-Unidas Podemos, En Marea, BNG, Ciudadanos e Compromiso por Galicia a respecto de temas fundamentais para o país, caso das infraestruturas, do financiamento, do marco tarifario e da lingua, entre moitas outras.

Ademais, desde o día 12 ao día 26 publicaremos as entrevistas ás persoas que encabezan as candidaturas das citadas forzas políticas por cada circunscrición, realizadas sobre o mesmo cuestionario a cada unha delas para garantir a pluralidade na cobertura da información.

As candidatas e candidatos non serán os únicos que teñan voz no diario dixital de Sermos Galiza. Contaremos coas voces de representantes do tecido social e cultural para coñecer a súa lectura a respecto das eleccións xerais do 28 de abril.

Completaremos a cobertura co seguimento aos partidos políticos.

Comentarios