Política

A oposición pide que compareza a conselleira de Política Social polas residencias

Rexistrarán esta cuarta feira a solicitude na Cámara galega, pero se Fabiola García comparece a petición propia adiántase os prazos e podería dar conta da situación esta mesma semana.

Unha sesión da Deputación Permanente (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Unha sesión da Deputación Permanente (Imaxe: Europa Press)

PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto piden unha Deputación Permanente, o órgano que agora está de garda entre lexislaturas, para que compareza a conselleira de Política Social, Fabiola García, ante a crise sanitaria derivada da COVID-19 e a situación que se vive nas residencias de maiores, nas que había cerca de 400 casos positivos en coronavirus ao mediodía desta terza feira, entre o persoal e as usuarias.

A pasada fin de semana, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu publicamente esta comparecencia, que tamén reclamou nos últimos días varias veces a líder do BNG, Ana Pontón, xunto cun plan de choque para as residencias, con test masivos para detectar os contaxios.

Do mesmo xeito, tamén de forma reiterada foi unha petición de Grupo Común da Esquerda e do candidato á Xunta por Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, que tamén solicitou a intervención de todos os centros de maiores privados.

O Grupo Mixto, composto integramente por deputadas de En Marea, tamén se sumou a esta iniciativa, unha petición que está previsto que se rexistre esta cuarta feira na Cámara galega, xa que por unha cuestión técnica non se puido levar a cabo no día de hoxe.

A iniciativa tamén se chegou a tratar de pactar co PP, segundo as fontes consultadas por Europa Press, aínda que non chegou a frutificar. Mentres que a conselleira de Política Social non pediu acudir de motu proprio, o que aforraría calquera paso previo e permitiría facer a comparecencia esta mesma semana.

Comentarios