sábado 30.05.2020

Cuarto non do PP a investigar Angrois

A forza política que dá suporte ao goberno rexeitou por cuarta vez constituír unha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario da curva da Grandeira. O PSOE tampouco quer que se investigue a traxedia e acubillouse baixo a abstención. A iniciativa do BNG só obtivo o respaldo de AGE.

Tren, angrois, accidente
Tren, angrois, accidente

Máis unha vez, e van catro, o Partido Popular rexeitou esta cuarta feira en sesión parlamentar investigar o accidente ferroviario acontecido en Angrois o 24 de xullo de 2013. O que é o maior sinistro da historia de Galiza non será investigado polo Parlamento após o voto negativo emitido pola forza maioritaria da Cámara. 

Tan só BNG e AGE –coa abstención do PSdeG-PSOE-- defenderon esclarecer “responsabilidades políticas” que puidesen existir nas causas do accidente e que nos últimos autos emitidos polo xuíz instrutor do caso, Luís Aláez, xa se comezan a albiscar. 

Porén, desde as bancadas do PP acusaron a organización asinante da proposta, o BNG, de facer “unha burda manipulación política” coas súas demandas que son, tamén, as da Asociación de vítimas do accidente do Alvia. 

“Quen non quere que se investigue é que ten algo que tapar”, espetou o portavoz parlamentar do BNG en resposta ás acusacións do deputado popular, Gómez Alonso. E é que o voceiro do grupo maioritario acusou a organización frontista de querer facer “de xuíz e parte” nun asunto que está en mans da xustiza. 

O PP vota en contra e fala de “absurdas” especulacións

“Estase a investigar en todos os ámbitos, non imos entrar en especulacións absurdas”, sinalou Gómez Alonso en nome do Partido Popular, afirmacións que foron retrucadas polo grupo nacionalista. “Non busquen escusas de mal pagador”, indicou Francisco Jorquera ao tempo que pediu ás bancadas populares “non confundir o ámbito de investigación penal” co “político” por non seren estes excluíntes, senón, “complementarios”.

Destarte, fixo referencia ás comisións de investigación creadas con anterioridade, por exemplo, en relación á catástrofe do Prestige. 

Para a organización frentista, fica claro que as decisións adoptadas desde o Ministerio de Fomento así como polos consellos de administración de Renfe e Adif teñen a ver co acontecido na curva da Grandeira. Unha conclusión á que tamén se sumou o deputado de AGE na súa intervención. Antón Sánchez apoiou a proposta presentada polo Bloque e denunciou que as “81 mortes” ocasionadas pola “falta de seguridade” no tramo que une Ourense-Compostela non resultase en “ningunha demisión”.

Un accidente que “podería terse evitado”

Segundo Sánchez, os informes periciais achegados polo persoal técnico que toma parte no proceso de instrucción xudicial evidencian que o sinistro “se tería evitado de adoptarse as medidas correspondentes e non se tiver suprimido o sistema [de seguridade] ERTMS”. Un  mecanismo que frea de maneira automática o tren perante o risco de accidente e que foi suprimido após introducírense mudanzas no proxecto inicial da liña de alta velocidade deseñada desde Madrid. “O cambio no proxecto causou o accidente”, sentenciou o deputado de AGE. 

Mais para o Partido Popular a modificación do ERTMS polo ASFA “non” fai menos seguro o sistema ferroviario. Cuestión da que difire mesmo o xuíz instrutor do caso, Luis Aláez, quen ve "imprudencia puníbel" nas decisións adoptadas por Adif, a empresa estatal propietaria da infraestrutura ferroviaria. 

Sexa como for, o Parlamento galego non investigará o acontecido ao se impor a vontade maioritaria do PP. As familias e vítimas deberán continuar a agardar que o proceso xudicial en curso deite luz sobre as posíbeis responsabilidades políticas do que é o maior accidente ferroviario da historia de Galiza. 

comentarios