Para ter voz propia, lema do BNG na campaña do 26X

Goretti Sanmartín e Rubén Cela presentaron esta mañá a campaña electoral do Bloque Nacionalista Galego, na súa sede, para as eleccións xerais do vindeiro 26 de xuño, co lema "Para ter voz propia" co que esperan mover ao electorado galego a un voto que "represente os intereses de Galiza en Madrid". VÍDEO NO INTERIOR. 

foto4
photo_camera Presentación da campaña para as eleccións xerais do BNG. Foto: Irene Pin

BNG - Nós candidatura galega quere deixar ben claro o motor da súa presentación ás xerais do mes vindeiro. Que Galiza teña voz propia no conxunto do estado español é a primordial preocupación do BNG nesta campaña electoral, na que abandeiran a defensa dos intereses dos galegos e galegas que "durante estes 4 meses non foron atendidos".

Nesta liña, Goretti Sanmartín focalizou a importancia de ter unha representación exclusivamente galega no congreso, aludindo á confluencia das mareas como unha forza que non defendeu a Galiza. Goretti incidiu na necesidade de que "Galiza nunca máis fique desaparecida" ao tempo que albiscou no "fracaso das forzas estatais" unha oportunidade para Galiza. A chave destes comicios estará, con case total seguridade, na falla de maiorías absolutas, onde o BNG espera poder ser unha parte influínte de acadar o obxectivo de obter representación parlamentaria.

"Galiza non pode ficar desaparecida"

Pola súa parte, Rubén Cela, no seu rol portavoz de comunicación da campaña, anunciou un recorte de gastos importante renunciando ao emprego de papeletas por correspondencia, emprazando os demais partidos a comprometerse coa reducción de gastos de campaña. Cela afirmou que esta ía ser unha "campaña a pé de rúa" na que prime a importancia do boca a boca e na que se buscará o voto "porta por porta".

"Pactarase contra o PP, no que estea na man do BNG"

A voz propia é o eixo principal que guiará a participación do Bloque nestas eleccións, que serán tamén unha previa que marque as pautas de actuación de cara ás seguintes eleccións autonómicas, que dende o BNG se afrontarán sen fechar portas aos pactos que for precisos para desbancar os populares, mais sen concretar con quen se chegaría a eles.

As propostas e liñas de actuación da candidatura galega non serán definidas de cara ao público até a vindeira semana, na que o BNG presentará o seu programa electoral. Porén, Goretti Sanmartín apuntou que: "Todas aquelas cuestións que atinxen a galegas e galegos cobrarán peso político" e que: "Esta voz propia servirá para todo o relacionado con: Crear emprego, co dereito a vivir no propio país, cunha sociedade máis igualitaria e xusta e cos intereses dos nosos sectores produtivos".

Comentarios