Tenso debate no Parlamento polo futuro modelo de residencias de maiores

O presidente da Xunta escudouse nos datos do impacto da pandemia na Galiza para "rexeitar" que a crise vivida nas residencias a causa da Covid-19 teña relación co modelo privatizado de xeriátricos polo que aposta o Goberno galego e desbotou as propostas do BNG para priorizar un modelo residencial de carácter público [VÍDEO NO INTERIOR].
Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, no pleno do Parlamento galego (Foto: Arxina)
photo_camera Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, no pleno do Parlamento galego (Foto: Arxina)

O modelo de residencias de maiores na Galiza xerou un tenso debate entre a líder do BNG, Ana Pontón, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no marco da sesión de control ao Goberno galego no Parlamento. 

Fronte á validez que o mandatario dá ao actual sistema -con máis de 8 de cada 10 prazas nas entidades prestadoras de servizos sociais da Galiza de titularidade privada-, a nacionalista pediu camiñar cara á xestión pública e reclamou que os sete novos xeriátricos previstos nas cidades sexan de xestión directa da Xunta. Avogou por recuperar para o público as prazas e centros privatizados a medida que venza o seu réxime de concesión e propuxo unha lei de residencias "que poña as persoas maiores no centro, sabendo que a residencia é o último recurso". 

Na quenda de respostas, Feixoo defendeu que a Galiza foi o territorio peninsular "con menos impacto mortal da Covid-19" nos xeriátricos e Pontón reprendeuno por "presumir" de cifras cando faleceron centos de residentes.

Aliás, Feixoo acusou o BNG de non respectar as e os traballadores do sector residencial privado: “Non merecen o seu respecto porque non son funcionarios”, dixo.

Lei de Saúde

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou na súa intervención a Xunta por seguir defendendo a Lei de Saúde que o Parlamento aprobou en febreiro e cuxo artigo 38, no que se inclúen medidas de control sobre doentes onde alude á vacinación obrigatoria, foi recorrido polo Goberno español no Tribunal Constitucional xa que, como dixo Caballero, “vulnera dereitos das galegas e galegos". 

Feixoo lamentou  o seu "boicot" e insistiu nun aviso: "Os galegos e o resto de españois estaremos desamparados tras o 9 de maio", cando finalice o estado de alarma, xa que o Goberno estatal nin "lexisla nin deixa lexislar", dixo.

O socialista concluíu advertindo de que a Xunta debe actuar no marco "do Estado de Dereito" e sen "vulnerar" os dereitos fundamentais da cidadanía. 

Comentarios