O tempo xoga contra Núñez Feixoo

A convocatoria electoral colle co pé cambiado a parte da oposición.

Núñez Feixoo foto da Xunta
photo_camera Núñez Feixoo (Xunta)

O Partido Popular nesta ocasión vai ao límite. As diferentes enquisas que manexan nas últimas semanas o núcleo de confianza de Núñez Feixoo certifican a perda da maioría absoluta do PP na Galiza e o progresivo desgaste do seu Executivo. Se nun primeiro momento o presidente da Xunta defendía separar os comicios nacionais dos estatais, agardando unha perda de apoios por parte das forzas da oposición, como consecuencia das medidas do Goberno do Estado, os estudos sociolóxicos indican outra cousa ben distinta. Nesta liña, as sondaxes coñecidas até a data valoran de maneira positiva a acción do novo Executivo e o pacto de investidura que posibilitou a elección de Pedro Sánchez.

A dirección das populares na Galiza ten moi presente a súa actitude nos pasados comicios municipais e estatais, onde a evidencia duns resultados non favorábeis provocou o seu absentismo.

A oposición

O presidente galego colle co paso cambiado a unha parte da oposición. As populares son conscientes de que nesta ocasión o resultado dos comicios xógase pola dereita e o seu obxectivo é recuperar os sufraxios que nas pasadas estatais se concentraron nas papeletas de Ciudadanos e Vox.

O PP agarda integrar nas súas algunhas das referencias do partido laranxa pero sen formalizar unha coalición electoral na Galiza, opción que gaña forza pola situación de debilidade do partido de Inés Arrimadas e da súa falla de músculo para competir nas galegas con algunha posibilidade. A dirección estatal de Vox ten que elixir nos vindeiros días as súas cabezas de cartel na Galiza, se ben Núñez Feixoo xa conta co apoio da extrema dereita para manterse Goberno, no caso de que sumen cos seus representantes.

As forzas herdeiras do antigo espazo de En Marea deben resolver a fórmula de concorrencia e a composición das súas candidaturas nuns prazos diferentes aos previstos. Así, as fontes deste ámbito, consultadas por Nós Diario, observan como opción máis probábel unha candidatura conformada por Anova, Esquerda Unida, Podemos e as mareas urbanas e outra nucleada arredor do grupo de Luís Villares.

A este respecto, na xornada de hoxe reúnense representantes de Anova, Esquerda Unida e Podemos para poder avanzar na proposta electoral e definir os mecanismos de elaboración das candidaturas. A celebración de primarias para a escolla das candidatas é un motivo de importante diverxencia entre as socias.

Nacionalistas e socialistas teñen escollidas ás cabezas de cartel e avanzados os programas. O BNG traballa coahipótese do adianto electoral desde mediados de 2019, cuestión que as levou a apurar o proceso interno de elección da candidata a presidenta da Xunta, Ana Pontón, que en Twitter puña de manifesto a súa intención de se incorporar do seu permiso por maternidade antes do previsto.

O PSdeG conta con candidato proclamado desde novembro de 2018 e cunha organización razoabelmente unida para acometer sen problemas internos a conformación das candidaturas. As súas posibilidades electorais están moi condicionadas polo nivel de cumprimento dos seus compromisos con Galiza do Executivo de Pedro Sánchez

Comentarios