Tempo de autodeterminación, o lema da XII Asemblea da Alianza Libre Europea

Compostela acollerá a décimosegunda asemblea da ALE co dereito de autodeterminación dos pobos como eixo central do encontro. O BNG, organización anfitrioa, presentou o programa da xornada que congregará 40 organizacións europeas. 

ana e vence
photo_camera Ana Miranda e Xavier Vence

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e a Secretaria de Política Internacional da organización frontista, Ana Miranda, presentaron esta terza feira o programa da XII Asemblea da Alianza Libre Europea (ALE), o grupo no que se insire a fronte nacionalista no Parlamento europeo. 

O encontro, que terá lugar os días 13, 14 e 15 de febreiro, desenvolverase baixo o lema Tempo de autodeterminación e xuntará 40 organizacións procedentes de toda Europa. Desde o BNG salientaron a importancia deste encontro "en vésperas das eleccións europeas" nas que o voceiro nacional da fronte dixo, agardan unha "maior representación das forzas políticas que apostan pola soberanía" dos pobos. 

150 representantes das nacións sen estado europeas

Representantes de Aralar, Euko Alkartasuna, ERC, Bloc Nacionalista Valenciá, PSM-Entesa, Nova Canarias e do Partido Andalucista, dentro do Estado español; ou do Partido Nacionalista Escocés (SNP), o Partido Nacionalista de Flandes (N-VA), e do Partido de Gales (Plaid Cyrum) reuniranse en Compostela para debater e analisar os procesos soberanistas en Europa. 

Neste senso, unha mesa redonda abordará o dereito de autodeterminación da man do profesor de Dereito Constitucional Daniel Turp, do presidente da ALE-Mocidade Roccu Garoby e da secretaria de Relacións Internacionais de EA, Lorena López de Lacalle. Aliás, Tasmina Ahmed-Sheik afondará no referendo pola independencia convocado en Escocia o 18 de setembro nun debate que será moderado polo eurodeputado e presidente do Scottish National Party, Ian Hudghton. 

De maneira paralela, a European Free Alliance Young (EFAy) desenvolverá a súa propia asemblea da que tomarán parte máis de 20 organizacións xuvenís de distintas nacións sen Estado europeas. 

Unha candidatura "potente" ás europeas

Na presentación do encontro, o portavoz nacional do Bloque asegurou que a organización frontista continúa traballando nunha candidatura para as eleccións europeas. Xavier Vence indicou que as negociacións con outras organizacións "están en fase avanzada, mais non pechada" polo que a fronte nacionalista continúa, dixo, o "proceso de diálogo" que devirá, subliñou, nunha "candidatura potente que permita que Galiza estea ben representada no Parlamento Europeo". 

Comentarios