Eleccións

Luís Villares: "Temos todas as canles abertas para unha alternativa plural"

O voceiro de En Marea ve "irresponsábel" pensar só nas organizacións políticas.
O portavoz de En Marea, Luís Villares (Nós Diario).
photo_camera O portavoz de En Marea, Luís Villares (Nós Diario).

O voceiro de En Marea, Luís Villares, asegura que o seu partido estará nas eleccións galegas do vindeiro 5 de abril aínda que non se logre un acordo de coalición.A conversa tivo lugar esta terza feira, horas antes de que anunciase que abandonaba a política. 

Como avanzan as conversas de En Marea para unha confluencia? Con que formacións está a tratar nestes días?

Temos todas as canles abertas para a construción dunha alternativa plural e, ao mesmo tempo, unitaria desde o punto de vista electoral, que sexa capaz de aglutinar a maior parte do soberanismo político progresista da Galiza. Esa é a nosa aposta política.

Nesa liña pronunciáronse onte un conxunto de mareas municipais que chaman á unidade nas forzas de esquerda.

Parécenos moi positivo que máis de 30 mareas, e camiño do medio cento, que suman máis de 40.000 votos e máis de 60 concelleiras, se unan.  Revelan que o municipalismo galego está por este proceso de unidade ampla en chave soberanista e progresista arredor dos valores que nós preconizamos como son o feminismo, o ecoloxismo e a xustiza social. Estamos satisfeitos de que apelen á responsabilidade das organizacións para esa coalición.

Anova negou que houbera conversas con En Marea, até que punto dificulta isto o entendemento?  

Estamos no momento das conversas e imos ser prudentes. Non imos revelar como están as conversas con cada formación política, nin con Anova nin con ningunha outra.

Se esta sexta feira, que remata o prazo para presentar as coalicións, En Marea non chega a un acordo: xa se sabe que pasos van dar desde a organización?

A decisión de En Marea é a de presentarse ás eleccións. Nós sempre dixemos que preferiríamos que todos e todas fósemos responsábeis para artellar unhas candidaturas o máis plurais posíbeis, que puidesen optimizar a confianza electoral da xente no espazo progresista e nacional deste país. O máximo que se lle pode exixir a calquera organización é a capacidade de chegar a acordos e En Marea deu exemplo diso nos últimos meses. Non me colle na cabeza que se poida ser tan irresponsábel como para non entender que o importante é a xente e non as organizacións.

Comentarios