ÁNGELA RODRíGUEZ

“Temos que parecernos cada vez máis a un movemento popular”

A deputada pontevedresa encabeza a lista 'Agora Podemos', da que fai parte o tamén congresista Gómez Reino. 

ángela rodríguez podemos
photo_camera Ángela Rodríguez

- É a súa a candidatura 'oficialista' nestas primarias, a favorita da dirección estatal?

- O certo é que non sabemos moi ben o que significa iso de ser a 'candidatura oficialista' ou 'oficial'. Quizás que 'Tone' [refírese a Antom Gómez Reino] e eu sexamos deputados no Congreso pode levar a algunha xente a asociar esta lista ao traballo institucional.

- Deste proceso electoral interno, vai saír un Podemos más unido ou dividido?

- Eu creo que imos saír reforzados. O feito de que agora, no transcurso da campaña, as diferentes candidaturas nos enfrontemos hai que entendelo máis ben como que estamos a expoñer as nosas propostas. Xa non estamos na situación de bloqueo que partiamos [en Podemos Galiza] , na que non eramos quen de construír para fóra. E estou segura que todas as persoas que integramos estas tres candidaturas, ao día seguinte de se coñecer os resultados das primarias, imos estar a traballar xuntas.

- En que se diferencia ou que achega 'Agora Podemos' que non teñen as outras dúas candidaturas?

O noso proxecto diferénciase estratéxicamente dos obxectivos políticos das outras dúas, nós consideramos que acumular forzas en Galiza é chave, ese debe ser o camiño, introducindo melloras organizativas. Apostamos nunha dirección máis ampla, que non sexa unipersoal, en maior democracia. Podemos Galiza ten que ser quen de protagonizar o cambio, mais temos que interpelar a todos os interesados nel.

- Cal é a fórmula pola que avogan para concorrer ás eleccións galegas?

Creo que estivemos moi obsesionados coas fórmulas xurídicas de concorrencia, quizás porque era a nosa primeira experiencia. En Galiza hai unha cultura da confluencia, e o máis importante entendemos que é a capacidade de xerar ilusión, de propoñer políticas do cambio. Máis adiante xa virá a fórmula. Nós apostamos en acumular forzas, en incorporar sociedade civil e en que haxa unhas primarias abertas

- Cal é o status que entende que debe ter Podemos Galiza?

Os retos políticos agora son distintos, houbo un punto de inflexión no 20-D, hai que repensar as cousas. Temos que nos parecer cada vez máis a un movemento popular, e iso pasa por, entre outras cousas, reforzar os territorios. O 20-D evidenciouse unha vontade de cambio plurinacional e iso vaise reflectir tamén na organización. Que Galiza, Euskadi... sexan partiudos deferados a nivel estatal entendo que é o camiño.

Comentarios