"Temos que movernos e tender máis pontes de diálogo coa sociedade"

Nunha longa conversa con Sermos Galiza, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, avalía a crise do réxime do 78, os resultados das europeas e os desafíos de futuro que se abren perante a fronte nacionalista.

Entrevista Xavier Vence
photo_camera Foto: H.V.

Xavier Vence deixa tres titulares nunha conversa co director de Sermos Galiza, Xosé Mexuto. "Temos que movernos e tender máis pontes de diálogo coa sociedade", "A esquerda federal na Galiza non asume a cuestión nacional galega" e "O BNG quer ser o referente da xente que está espertando á política".

Pontes de diálogo

Os resultados do 25-M -non satisfactorios, embora se cumprir o obxectivo de obter representación na Cámara- obrigan o BNG, di Vence, a "moverse de xeito pro-activo", na procura de "enganchar e dialogar profundamente co que foi historicamente a base social nacionalista, e tamén máis alá dela".

A tese de Vence é que nos últimos tempos novos sectores sociais, fundamentalmente xente moza, están a espertar á política e que o repto do nacionalismo galego é conectar con eles. Non vai ser doado, porque, xulga o portavoz nacional do BNG, son sectores moi "dependentes" do "discurso estatal". Daí que o líder nacionalista defenda "galeguizar o debate político e galeguizar as alternativas".

A esquerda federal

Por que fracasou a rolda de conversas promovida polo BNG con outras forzas soberanistas galegas e coa esquerda estatal? A análise de Vence é esta: "A constatación desta reunión [decorrida os días 4 e 5 de xuño] é que a esquerda española dita federal que opera en Galiza é unha esquerda que ten unha grande dificuldade para entender a fondo o problema nacional galego. Así como noutros territorios puido ter uha evolución que a levou a interiorizar a cuestión nacional de xeito máis profundo, a miña constatación é que a esquerda federal, entendendo como tal a IU na Galiza, non ten esa interiorización, máis alá de que xogue de xeito oportunista e táctico con Anova, para vampirizar o seu capital político e simbólico".

A entrevista, na íntegra, fai parte do número 100 de Sermos Galiza, disponíbel nos quiosques do país e tamén na nosa loxa.

Comentarios