venres 29.05.2020
Primarias Podemos Galicia

Bescansa pide decidir entre vender leite ou apostar en "elaborar produtos que podan competir por calidade"

"Temos que decidir se queremos resignarnos a seguir vendendo leite; ou se apostamos por elaborar produtos que podan competir por calidade mais alá dás nosas fronteiras”, dixo Carolina Bescansa este sábado na Coruña no acto que serviu de pórtico á súa campaña nas primarias de Podemos Galicia. O seu rival é Antón Gómez-Reino, o congresista que dispón do apoio de Pablo Iglesias.

Bescansa, nun momento do acto
Bescansa, nun momento do acto

No comezo da súa campaña dentro das primarias de Podemos Galicia, a politóloga compostelá puxo o acento na necesidade de ir a unha mudanza no modelo produtivo do país. 

“ Se non cambiamos o noso modelo produtivo o mercado de traballo non vai cambiar”, dixo a líder da candidatura Eu [corazón] Futuro para Galicia. A seguir, acrecentou, segundo a nota de imprensa fornecida polo seu colectivo: "Temos que decidir se queremos resignarnos a seguir vendendo leite; ou se apostamos por elaborar produtos que podan competir por calidade mais alá dás nosas fronteiras". “Se competimos por arriba, melloraremos o mercado laboral; se seguimos no modelo de competir por abaixo de Feixoo nos resignamos á precariedade laboral e a emigración”, resaltou.

Bescansa descualificou as políticas seguidas polos sucesivos gobernos do PP desde a Xunta: “40 anos de gobernos populares en Galicia [as primeiras eleccións autonómicas foron en 1981] só serviron para consolidar un modelo produtivo extractivo, que non foi capaz de ir máis aló e só deu aos nosos mozos a opción de emigrar”. 

Canto ás cuestións máis de índole interna, Bescansa aproveitou para lanzar a mensaxe de que está comprometida con En Marea e que non opta á lideranza de Podemos Galicia para rachar nada: “Téñenlle medo a xente, téñenos medo [dixo en alusión ao PP], por iso nos queren dividir. Non van dividir, non imos romper alianzas, a mala xente está repartindo o de todos entre os amigos; non está en Podemos, nin nas mareas, nin nos nosos aliados”.

comentarios