"Temos que combater o pensamento dominante desde a base, cos nosos medios e a través do debate social"

Guillerme Vázquez vai ser eleito este sábado 18 de Xaneiro novo presidente da Fundación Galiza Sempre. O BNG recupera así, para a primeira liña da actividade pública, a figura do que foi o seu portavoz nacional durante catro anos. Con ilusión mais tamén coa humildade que o caracteriza, Guillerme Vázquez avalía este novo período para Sermos Galiza

guillerme2
photo_camera [Imaxe: Xaquín Soliño]

Dar o debate arredor da soberanía nacional de Galiza e partillar experiencias con outros movementos nacionais sen esquecer a "nosa propia historia". Esa é a folla de rota que se marca Guillerme Vázquez após ser proposto pola dirección do BNG como novo presidente da Fundación Galiza Sempre. O que foi portavoz nacional da organización frontista entre 2009 e 2013 apunta que a entidade --relanzada como un laboratorio de ideas soberanistas-- contribuirá a "dar o debate que está a percorrer o mundo", desde Galiza: o da "soberanía dos pobos e das nacións".

As mudanzas na dirección da Fundación -canda Guillerme Vázquez asume a vicepresidencia Ana Luisa Bouza e o até de agora presidente, Suso Veiga, pasa a presidir o consello asesor- faranse efectivas nunha reunión do padroado da entidade que terá lugar este sábado en Santiago de Compostela (11 h, Museu do Pobo Galego).

Con que ánimo e proxectos chega á presidencia da Fundación?
Para min é unha honra que me propuxera a actual dirección do BNG para presidir a Fundación Galiza Sempre. Coma sempre, asumirei esta nova tarefa dando de min o mellor que teño, con todo o ánimo. Neste senso, a Fundación ten uns obxectivos a cumprir que pasan por afondar na realidade nacional de Galiza no plano económico e social, mais tamén por partillar experiencias con outros movementos nacionais do Estado, Europa e do mundo; tamén afondar no coñecemento da nosa propia historia. Desde logo eu asumo a responsabilidade con todo o ánimo do mundo. 

A Fundación fará os seus contributos nun dos debates que está a percorrer o mundo e no que debe estar Galiza, que é o debate da soberanía dos pobos

Que papel debe xogar a "batalla das ideas" na conquista da soberanía para Galiza?
O debate das ideas é fundamental. Desde logo, nós como fundación cumpriremos, como non pode ser doutra maneira, un modesto e humilde papel. En calquera caso contribuiremos a un dos debates que está a percorrer o mundo e no que debe estar Galiza, que é o debate da soberanía dos pobos, das nacións, fronte esa realidade globalizada ao servizo do capital internacional, onde as decisións se toman cada vez máis afastadas do pobo e, no caso de Galiza, contrarias aos seus intereses. É evidente que hai unha reflexión que hai que facer. Neste senso, contribuiremos a ese debate, presentando as nosas reflexións e alternativas. 

Como se pode combater a hexemonía mediática e cultural que agora ten o españolismo?
Pois con moito esforzo porque os altofalantes do pensamento único, do españolismo -que nos chaman á resignación, que nos convidan a pensar que como galegos e galegas non temos ningunha posibilidade se non é con esa xenerosa [di con retranca] aportación que nos fai o Estado español. son, no caso galego, case os únicos altofalantes que existen, agás poucas excepcións. Así, estamos perante unha batalla desigual. Iso que vostede di cando fala do españolismo é absolutamente dominante. Temos que combatela [a hexemonía mediática e cultural do españolismo] desde a base, cos nosos medios e a través do debate social, para que o pensamento hoxe dominante na nosa sociedade vaia mudando. Temos que confiar en nós propios pois, como dicía Celso Emilio, 'Nunca virá de fóra/remedio ou esperanza'. Teremos que arremangarnos e como galegos e galegas camiñarmos nunha dirección diferente á que nos marca o centralismo e o españolismo que nos conducen cara á un calexón sen saída. 

Comentarios