Congreso

Estas son as cuestións que centrarán a primeira sesión de control ao Goberno estatal após o paro estival

Na cuarta feira decorrerá a primeira sesión plenaria de control ao Executivo de Pedro Sánchez.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
  1. Medidas fronte á inflación
  2. Audiovisual en linguas propias
  3. Suba de tipos de xuro
  4. A 'excepción ibérica' e as renovábeis
  5. O límite aos prezos dos alimentos básicos
  6. Impostos e Perte do coche eléctrico

A inflación e a crise enerxética coparán a primeira sesión de control ao Goberno estatal no pleno do Congreso tras a volta á actividade parlamentaria polo paro estival, que decorrerá nesta cuarta feira. Estes son os temas nos que queren centrar a súa atención non só os grandes grupos da oposición, senón tamén socios do Executivo, como ERC, o PNV ou EH Bildu.

Medidas fronte á inflación

A portavoz parlamentaria do PP, Cuca Gamarra, optou por unha pregunta xenérica, pero que lle dará pé para estenderse sobre a situación económica. En concreto, dirixirase ao presidente, Pedro Sánchez, para preguntar "se o Goberno está a ocuparse das necesidades dos españois".

O portavoz de ERC, Gabriel Rufián, rexistrou a seguinte cuestión para Sánchez: "Cre o Goberno que toma medidas suficientes para axudar á xente que peor o está a pasar?".

Audiovisual en linguas propias

Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interesouse nos últimos días polo grao de execución dos 10,5 millóns de euros destinados ás obras audiovisuais nas linguas propias.

Neste senso, avanzou unha batería de preguntas rexistradas para que o Goberno español dea a coñecer o grao de execución dese fondo para a promoción audiovisual nas linguas diferentes do español, inserido nos Orzamentos para 2022.

Suba de tipos de xuro

Para a vicepresidenta de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, rexistráronse tres preguntas. No caso dos populares, o secretario xeral do grupo parlamentario, Carlos Rojas, quere que lle confese se "de verdade cre que a inflación empezou a moderarse".

Por parte de EH-Bildu, Oskar Matute quere que Calviño avance que medidas pensa adoptar o Goberno "para paliar as consecuencias para a cidadanía que terá a nova suba de tipos, até 1,25%, realizada polo Banco Central Europeo (BCE)".

Antes do paro vacacional, o pasado mes de xuño, Matute e Calviño protagonizaron outro duelo, este en forma de interpelación urxente a conta das consecuencias da suba de tipos, durante a cal a vicepresidenta económica anticipou un impacto "relativamente limitado".

A 'excepción ibérica' e as renovábeis

En materia enerxética, o deputado popular Juan Diego Requena tentará que a vicepresidenta Teresa Ribera explique se vai rectificar "o mecanismo do tope ao gas, a coñecida como 'excepción ibérica', para evitar os seus efectos negativos", mentres que Idoia Sagastizabal, do PNV, interésase polas vías que prevé o Goberno para "mellorar a produtividade e optimizar as enerxías verdes".

O límite aos prezos dos alimentos básicos

Quen non terá preguntas será a vicepresidenta de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, que comunicou a súa ausencia pola asistencia á reunión dos seus homólogos do G-20. Tamén avanzaron que non poden acudir ao Congreso na cuarta feira os titulares de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares; Defensa, Margarita Robles, e Política Territorial e portavoz, Isabel Rodríguez.

Aínda que non estará Yolanda Díaz si se falará no Pleno da súa proposta para limitar o prezo dos produtos básicos, xa que o PP quere emprazar o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a pronunciarse sobre a mesma. "Considera que a proposta da vicepresidenta segunda de topar o prezo de produtos ao consumidor contribúe a mellorar o equilibrio na cadea alimentaria?", é a pregunta que dirixe o popular Celso Luis Delgado a Planas.

Impostos e Perte do coche eléctrico

Finalmente, o PP dirixirá outra interpelación ao Goberno sobre os avances no desenvolvemento do Perte do Vehículo Eléctrico e Conectado e o seu impacto nun sector estratéxico para a economía estatal. Como consecuencia desta interpelación, o PP forzará unha votación sobre esta materia a través dunha moción que se debaterá no seguinte pleno da Cámara Baixa.

Comentarios