Tellado di que o BNG debe a Galiza 400 millóns por investir a Sánchez

O número dous do PP adiantou que os populares galegos participarán o domingo das protestas contra a lei de educación. "Defenderemos o modelo educativo  que funcionou ao longo dos últimos dez anos na Galiza", afirmou.
O secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, en rolda de prensa.
photo_camera O secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o BNG debe 400 millóns de euros a Galiza por investir a Pedro Sánchez presidente. Nunha rolda de prensa ofrecida hoxe, Tellado destacou que os populares presentaron máis de 1.500 emendas aos Orzamentos Xerais do Estado das que 130 están relacionadas con Galiza.

Na súa intervención, o número dous do PPdeG lamentou que os socialistas volvan rexeitar "sen diálogo" estas emendas argumentando que Sánchez preferiu aos "radicais e independentistas" como "compañeiros de viaxe". Na presenza do senador José Manuel Barreiro, Tellado agradeceu o traballo dos senadores e congresistas do PP galego en Madrid á hora de "representar os interesas da Galiza e de toda España".

"O único que pedimos é que se manteña o que xa estaba comprometido nos anteriores orzamentos do Goberno de Mariano Rajoy", sostivo o senador popular José Manuel Barreiro, que acompañou a Tellado, insistindo na responsabilidade do BNG neste asunto por "apoiar" a investidura de Sánchez e ignorando que deputado nacionalista, Néstor Rego, non apoiou os orzamentos por seren contrarios aos intereses da Galiza.

Lei de educación

Tellado tamén avanzou que os populares galegos secundarán o vindeiro domingo as protestas convocadas para protestar contra a lei orgánica de educación, a lei Celáa, co obxectivo de defender o "sistema educativo e a normal convivencia lingüística que sempre caracterizou Galiza".

"Xa participamos nas que houbo hai tres semanas e temos previsto estar presente nestas porque compartimos as reivindicacións da plataforma que as convoca", manifestou Tellado.

Hoxe, o número dous dos populares galegos trasladou de novo o compromiso do Executivo galego coa "defensa da educación" na Galiza e da "liberdade dos pais para escoller o centro ao que queren enviar aos seus fillos". "No que ten a ver co exercicio das nosas competencias e, co respecto escrupuloso da lei, defenderemos o modelo educativo  que funcionou ao longo dos últimosdez anos na Galiza, que permitiu niveis de éxito educativo importantes como revelan todo tipo de informes", dixo.

Tellado obviou mencionar en tanto, as advertencias do Consello de Europa á Xunta da Galiza, á que solicitou en diversas ocasións eliminar "as limitacións á docencia en galego". É precisamente a lingua sobre a que se articulan as protestas do PP contra a nova norma.

Comentarios