Tellado acusa BNG de ‘obediencia’ ao PSOE

O PP carga contra os nacionalistas polos orzamentos do Estado.
Miguel Tellado na rolda de prensa desta sexta feira. (Foto: PPdeG) #migueltellado #ppdeg
photo_camera Miguel Tellado na rolda de prensa desta sexta feira. (Foto: PPdeG)

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, aproveitou a súa tradicional comparecencia pública da sexta feira para cargar contra o BNG, nesta ocasión a conta da política estatal. Segundo Tellado, o nacionalismo galego “perde a súa combatividade no túnel de Guadarrama, sendo rupturista en twitter, pero adorábel na tribuna do Congreso”. 

“Do que din ao que fan vai o mesmo traxecto que hai entre as fotos dalgúns produtos que se venden internet e o que finalmente recibimos nas nosas casas.

O BNG ten obediencia a ese PSOE”, sinalou o secretario xeral do PPdeG, quen augurou o voto positivo dos nacionalistas aos orzamentos do Estado “sexan cales sexan e aos que lles falla tempo para aplaudir todas e cada unha das medidas do Goberno socialista, por moi lesivas que sexan para Galiza”.

O dirixente popular denunciou a política orzamentaria dos socialistas e criticou que os “orzamentos de 2022 xa non serán aprobados en tempo e forma, nin se cumprirán os prazos que marca a constitución”.

“Por desgraza estamos empezando a ver normal o que debería ser excepcional porque as contas deberían estar xa aprobadas en Consello de Ministros e entregadas no Congreso”, destacou Tellado, quen criticou que os parceiros do Executivo do Estado “só se poñen de acordo nunha cousa como é manterse no poder a calquera prezo”.

Tellado criticou “o maltrato a Galiza” nos orzamentos de 2021 e reclamou “unhas contas xustas para Galiza” na próxima anualidade.

“Saberémolo nas próximas semanas pero xa lles anuncio que o PSdeG, ese bipartito en si mesmo que é o partido dos socialistas galegos, estará encantado”, significou Tellado, quen aventurou que “o BNG fará moitos espaventos en rolda de prensa pero despois acabará axudando a Sánchez a seguir o seu manual de resistencia”.

Comentarios