Tellado acusa o BNG de “copiar o independentismo catalán”

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, acusa as nacionalistas de apostar pola “confrontación e o bloqueo”.
Miguel Tellado, secretario xeral do PP na Galiza
photo_camera Miguel Tellado, secretario xeral do PP na Galiza.

Ao fío dunha moción presentada polo BNG e Compostela Aberta no Concello de Compostela en relación á decisión do Tribunal Supremo sobre o procés na que rexeitan a sentenza xudicial e reclaman unha amnistía para as presas e presos políticos, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou esta sexta feira en rolda de prensa que “levamos tempo advertindo que o BNG, e parece que agora tamén Podemos, non teñen máis proxecto político para Galiza que copiar o independentismo catalán”.

Segundo un comunicado emitido polo PP, e en relación das declaracións de Ana Pontón criticando a sentenza, Miguel Tellado considera que o BNG “fártase de dicir que España non é un país democrático pero, cando ten ocasión, reclama que se vulneren as normas máis elementais de calquera democracia”.

“Por máis confrontación, máis división, e máis bloqueo polo que queiran apostar os socios do PSOE, na Galiza seguirá habendo un partido, o PPdeG, que cree na convivencia, na moderación e no respecto á legalidade”, concluíu Tellado.
 

Máis en POLÍTICA
Comentarios