Unha “tarxeta cidadá transfronteiriza” para a veciñanza de ambas beiras do Miño

O director do AECT Rio Minho solicita aos Gobernos “medidas económicas compensatorias” para reactivar o territorio miñoto con fondos europeos, estatais e galegos.

AECT Río MInho alcaldes e alcaldesas de ambas as beiras do Minho

A AECT (Agrupación Europea de Cooperación Territorial) Rio Minho propón a creación dunha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’ que evite que se repitan, entre outros, os problemas de mobilidade para as persoas traballadoras derivados do peche da fronteira con Portugal pola crise da COVID-19.

O director da AECT, Uxío Benítez, realizou esta proposta nunha comparecencia conxunta dos alcaldes, alcaldesas e presidentes de câmara dos concellos do territorio miñoto na que se parabenizaron da vitoria conseguida ao terse autorizado a apertura das pontes de Arbo-Melgaço, Salvaterra-Monçao e Tomiño-Cerveira con fins laborais desde esta segunda feira.

O proxecto piloto para crear unha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’ procura que se identifique a todas as persoas que viven no territorio “e que facemos a nosa vida, traballo, o noso lecer indistintamente de que esteamos nun estado ou noutro”, para que no futuro, de se volver ter que pechar as fronteiras, ese peche non sexa efectivo para esa xente e se permita a mobilidade transfronteiriza .

Benítez indicou tamén que a pandemia do coronavirus vai traer unha crise económica que no territorio do Miño “vai ser dobre” pola decisión de pechar as fronteiras o 17 de marzo. Por este motivo, instou as autoridades galegas, estatais, e europeas a que instrúan os procedementos económicos necesarios para que se compense ao territorio miñoto por ter tido as fronteiras fechadas igual que se tiveran centos de anos atrás. “As autoridades teñen que compensar a estes territorios porque nos impediron relacionarnos comercial e economicamente cos veciños do lado”, destacou.

De feito, puxo sobre a mesa a demanda de que no próximo cadro de fondos comunitarios 2021-2027 se faga un Investimento Territorial Integrado (ITI) no Río Miño e se dediquen diferentes tipos de fondos a facer un investimento enfocado no territorio .

Comentarios