Joan Tardà, deputado de ERC, afirma en Ferrol que "haberá acordo coa CUP"

O deputado de Esquerra, Joan Tardà, e o exalcalde de Barcelona Xavier Trias participaron na Galería Sargadelos de Ferrol nun coloquio sobre o proceso catalán.“Xa non hai marcha atrás; ou gañamos, ou imos todos a La Modelo”

Tarda e Trias en Ferrol
photo_camera Trías e Tardá no acto en Ferrol

O deputado de Esquerra Republicana de Catalunya, Joan Tardà, e o exalcalde de Barcelona Xavier Trias aseguraron onte na Galería Sargadelos de Ferrol que o proceso constituínte no seu país “xa non ten marcha atrás” e recoñeceron que “nada volverá ser igual” en España. Nun acto organizado pola sociedade cultural Medulio, os políticos cataláns explicaron, desde puntos de vista persoais e ideolóxicos distintos, os motivos polos que nos últimos anos medrou tan significativamente o apoio ao independentismo e que tivo o seu punto de inflexión coa sentenza do Tribunal Constitucional a respecto do Estatut aprobado por maioría esmagante no Parlament catalán. “Consideramos que este tribunal non ten autoridade sobre Catalunya”, apuntou Tardà, para quen a “laminación” que fixo do Estatut supuxo “unha humillación que afectou á dignidade de moitas persoas, e non só independentistas”.

“Nin a dereita española nin o PSOE aceptan a plurinacionalidade do Estado”, dixo Trías

Nesa liña, o exalcalde de Barcelona relatou a súa propia experiencia na política e a transformación desde o catalanismo cara ao independentismo que foi facendo desde o ano 1981. Se ben recoñece que a sentenza sobre o Estatut foi determinante para que a “onda” medrase tan rápido –ás veces mesmo para sorpresa dos partidos e entidades promotoras do proceso-, Trias recoñeceu que o “problema” comezou cando logo de apoiar a “modernización de España”, os sucesivos gobernos de España non foron quen de lle dar unha resposta. “Nin a dereita española nin o PSOE aceptan a plurinacionalidade do Estado”, dixo. A este respecto, Tardà sinalou que un dos grandes cambios no nacionalismo catalán foi que o concepto de identidade foi superado polo de soberanía, e iso fixo subir ao carro do independentismo a moita xente que no o era.

"Non vai ser doado, xa o sabemos"

Tardà, pola súa banda, explicou polo miúdo os pasos que se van dar nos próximos meses para avanzar no proceso. “Non vai ser doado, xa o sabemos”, dixo, “e, de feito, estamos tan ilusionados que non sabemos por onde nos vai vir a gran ostia. O importante é que isto xa non ten marcha atrás; ou gañamos, ou imos todos para La Modelo”. O representante de ERC sinalou que o primeiro deles sería a formación de goberno, para o que, enfatizou, “haberá acordo coas CUP”. A partir de aí abrirase unha fase dun ano e medio aproximadamente na que se implementarán as estruturas básicas do Estado e se promulgarán as “leis de desconexión”, que necesariamente, dixo Tardà, “terán que convivir, como pasou durante a Transición á democracia, coas do Estado español”, e a redacción dunha nova Constitución catalá “de abaixo arriba”.

“Non será doado”, insistiron os representantes da plataforma Junts pel Si, mais explicaron que “temos o mandado democrático de continuar con este proceso, e así o faremos”. 

Comentarios