Tania Sánchez, próxima a Podemos, deixa IU sen candidata a 4 meses das eleccións

Era a crónica dun abandono anunciado. Tania Sánchez, a gañadora das primarias de IU para as autonómicas en Madrid, deixa a organización e faino a apenas 4 meses dos comicios. As súas diferenzas coa cúpula da federación madrileña de IU confirmáronse como insalvábeis.

Tania Sánchez [Imaxe IU-Madrid]
photo_camera Tania Sánchez [Imaxe IU-Madrid]

A crise de IU adquire caracteres moi preocupantes para a que aínda é a terceira forza política española, embora xa non o sexa, segundo os inquéritos publicados nos últimos meses após as eleccións europeas, entre eles o máis recente o dado a coñecer esta mesma terza feira polo CIS.

A emerxencia de Podemos ten acelerado as contradicións entre o sector renovador e o nucleado arrredor do coordenador xeral, Cayo Lara. Aquel defende a converxencia coa organización liderada por Pablo Iglesias -até un ponto moi próximo á disolución e a desaparición das siglas-, en tanto que este defende que aínda hai espazo político para que o proxecto IU se presente como tal perante a sociedade.

A situación de Tania Sánchez -marcada polas sospeitas que pairan sobre a súa xestión no concello de Rivas (acúsana de favorecer a empresa dun seu irmao) e pola súa relación persoal con Pablo Iglesias- hai semanas que se revelaba como insustentábel.

ElDiario.Es avanzou a noticia do abandono da candidata de IU ao fío das 20.20 horas. Segundo a información do diario que dirixe Ignacio Escolar, Tania Sánchez vai fundar un novo partido desde o que procurará presentar unha candidatura de "unidade popular" nas eleccións autonómicas do 24 de maio.

Fontes próximas a Tania Sánchez afirman que esta dirixente querería para as autonómicas unha fórmula similar a de Ganemos Madrid. O seu proxecto bate cun problema: Podemos xa ten decidido ir a eses comicios coa súa propia marca, sen diluíla en ningunha plataforma.

Comentarios