O titular de Política Lingüística equipara a consulta sobre a lingua a preguntar por unha alerxia

Para o responsábel de Política Lingüística, os tribunais avalan o decreto do plurilingüismo mentres a deputada do Bloque, Ana Pontón, cualificou de "realidade teimuda" que a Xunta insista en manter unhas consultas consideradas ilegais polo TSXG até en seis ocasións. 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez
photo_camera O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez

O goberno galego non recúa na súa aplicación do decreto do plurilingüísmo. Embora a xustiza declarase ilegal até en seis ocasións o artigo 5 da lei en que se recolle a consulta ás familias sobre a lingua de escolarización das crianzas, a Xunta de Galiza non só mantén as enquisas, senón que di estaren avaladas polos tribunais. 

Ana Pontón: "A xustiza avala as voces que vimos cuestionando a política de ataques á lingua que impuxo o PP"

No entanto, a deputada do BNG, Ana Pontón, lembrou ao secretario xeral de Política lingüística, en comisión parlamentar, que as sucesivas sentenzas xudiciais non apoian a norma, mais si "avalan as voces" que, di, veñen "cuestionando a política de ataques á lingua galega que impuxo o PP". 

Neste senso, Pontón sinalou ao responsábel de Política lingüística as masivas mobilizacións en defensa do idioma convocadas pola Plataforma cidadá Queremos galego, mais tamén as folgas no ensino ou o rexeitamento de institucións como a RAG ou o Consello consultivo en relación co decretazo. 

Valentín García: "A pregunta sobre a lingua non é ningunha novidade, está presente desde 1983"

Porén, Valentín García botou balóns fora e considerou "percepcións" as acusacións formuladas pola responsábel de lingua do grupo nacionalista ao tempo que se preguntou en múltiples ocasións "que hai de mao en preguntar aos pais" pola lingua vehicular do ensino. Cuestión que equiparou mesmo cos formularios que as crianzas deben cubrir e nos que se especifica se teñen ou non alerxias, entre outras indicacións. 

"En todas as sociedades plurilingües se fai a pregunta e non crea conflito máis que a nivel político", afirmou García, quen tentou quitar ferro aos pronunciamentos xudiciais e a oposición cidadá ao decreto pois, segundo el, este "está funcionando". Aliás, acrecentou o responsábel de política lingüística, esta consulta "non é ningunha novidade" pois "está presente desde 1983". 

Comentarios