Suspendidos os tres membros do comité electoral de En Marea, sen se desbotar a súa expulsión

A suspensión é cautelar, mais desde a dirección de En Marea non se descarta a expulsión dos tres integrantes do comité electoral que, segundo as auditorías encarregadas pola comisión de garantías, accederon sen autorización ao censo das primarias. A Comisión de Garantías, de maioría villarista, traslada agora ao Comité Electoral, controlado polo sector crítico, a xestión das decisións adoptadas este sábado polo Consello das Mareas.

plenario en marea
photo_camera Plenario de En Marea do pasado 27 de outubro.

"Imos abrir expediente ás persoas que foron identificadas nas auditorías. Os feitos son moi graves, hai serios indicios de que sexan constitutivos de delito", dixeron días atrás a Sermos fontes da dirección de En Marea. "O proceso pode acabar na expulsión", engadiron.

Esta segunda feira, e por medio dun comunicado, a Comisión de Garantías avanzou que con efecto se ten suspendido cautelarmente os tres integrantes do comité electoral ao entender, alega este órgano,"que non acataron o mandato do plenario sobre as atribucións propias do seu cargo". Traducido, significa que se asomaron ao listado de persoas inscritas nas primarias após se facer coas claves informáticas ás costas do custodio do censo, o villarista Gonzalo Rodríguez. Unha vez dentro, terían mudado o password de acceso, o que durante 24 horas tería impedido a Rodríguez consultar o ficheiro. A mera intrusión no censo podería constituír delito segundo o código penal (penado entre 1 e 4 anos de prisión) ou no mínimo, unha infracción punida con sanción administrativa, á Lei de Protección de Datos.

As tres persoas suspendidas son —segundo terían dito fontes da Comisión de Garantías a Europa Press— Martiño Ramos, Pablo Nieves e Raquel Bernárdez. Teñen tres días para "achegar as declaracións, documentacións e probas que coiden oportunas". "Agardemos que no prazo de tres días presenten algún tipo de argumentación. E se é así, e teñen peso, morra o conto", dixeron a ABC desde o órgano de maioría villarista.

As persoas suspendidas terán de ser substituídas "seguindo as disposicións regulamentarias". O seu relevo terá que ser realizado polo Comité Electoral, de acordo coa Comisión de Garantías.

O sábado, o Consello das Mareas adoptou unha serie de medidas destinadas a asegurar a realización das primarias con plenas garantías, entre elas a instauración do sistema de confirmación de voto por medio de SMS, un mecanismo que dificultaría a suplantación da identidade dos votantes (unha irregularidade deste tipo foi a que levou a que a dirección estatal de Podemos levase á Fiscalía as primarias realizadas polo partido morado en Leganés, proceso en que se impuxo unha candidata errejonista).

En realidade, as mudanzas na infraestrutura e no sistema de votación acordadas pola cúpula da confluencia son de enorme envergadura e a súa materialización consumirá non pouco tempo, o que fai inviábel que as eleccións se realicen a próxima fin de semana, a pesar de que esta era a previsión que manexaban os próximos a Villares. Destarte, o Consello das Mareas resolveu prescindir de Agora Voting —a compañía á que Podemos confía as súas consultas internas— e contratar unha empresa distinta para a xestión das votacións e, ao tempo, decidiu recorrer a un servizo de autoridade de votación externo visando verificar a limpeza do proceso.

As mudanzas na infraestrutura e no sistema de votación acordadas pola cúpula da confluencia son de enorme envergadura e a súa materialización consumirá non pouco tempo  

Todas estas cuestións técnicas teñen que ser solventadas polo comité electoral, esclareceu a Comisión de Garantías de En Marea no seu comunicado de onte en que o órgano villarista require ao crítico que "informe sobre a data onde se efectuarán as simulacións de voto e probas de resistencia da nova plataforma". Isto non significa que a Comisión de Garantías —composta por tres membros, dous villaristas e un crítico— se desentenda do proceso. Ao contrario: pide "ser partícipe destas probas, así como información sobre o seu resultado". Alén diso, "reclama información sobre os locais da votación e a data en que as persoas inscritas poderán, tamén, acceder á información sobre estes espazos".

O timing a partir da realización destas probas sería o seguinte: cos seus resultados sobre a mesa, a Comisión de Garantías decidiría levantar a suspensión decretada o 1 de decembro sobre as primarias e, xa nese momento, o comité electoral tería que decidir a data "en que finalmente transcorrerán as votacións".

A dirección villarista traslada así a presión sobre a fixación da data a un sector crítico que considera unha farsa a suspensión das primarias por entender que na fin de semana de 1 e 2 de decembro si existían garantías de que o proceso de votación se ía producir con limpeza. Para Anova, Podemos e Esquerda Unida —o núcleo que cos tres alcaldes urbanos constitúe a oposición interna á dirección villarista— en realidade o aparato do partido instrumental está a gañar tempo sen ter en realidade intencións reais de organizar unhas primarias que, afirman, vería perdidas.

Todo indica que en ningún caso as votacións se realizarían no que resta de ano, sendo que, aliás, entramos nun período con varios días feriados.

Comentarios