VOCES DE CAMPAñA

Suso de Toro: “Como candidato, estou abraiado co compromiso e alegría da xeración que nos acompaña”

Suso de Toro 1

Suso de Toro (Compostela, 1956), escritor, un dos nomes chaves na Literatura galega contemporánea. Número 3 da lista de 'Nós-candidatura galega' pola Coruña.

- Como fica o corpo após ver a enquisa do CIS? [o inquérito publicado esta semana non dá representación a 'Nós]

- Estamos preparados para iso. Nin sequer se preguntou por 'Nós'. Sabemos que todo isto nos colle nun contexto histórico no que hai unha trama moi ben organizada politicamente e que xa deseñou a España do futuro. E teñen claro o que queren para Euskadi, Catalunya e Galiza. E para Galiza queren que desapareza politicamente. E non esquezamos que no proceso de construción das candidaturas fomos ensarillados por xente que non quería a unidade.

- Que ten en común, de telo, a literatura e a política?

- O escritor é en certa medida un intelectual, traballa coa linguaxe, coa ideoloxía. Ou sexa, que política e literatura móvense nun mesmo espazo. No meu caso eu xa militaba na adolescencia, na esquerda galeguista. Mais o meu é un caso particular. Os escritores en Galiza temos un dilema que non teñen outros, e que a moitos nos obriga a un compromiso: a decisión de ser escritor en galego é unha decisión política.

- Séntese cómodo como candidato?

Estou ben acompañado. Abraiado polo pulo e o entusiasmo desta candidatura, rodeado dunha nova xeración que está chea de compromiso, de esperanza e de alegría, que non ten nin miga de amargura. E iso contrasta con esa outra xeración política, perdida para Galiza. Nós é a única verdadeira novidade que hai nestas eleccións, o resto é todo vello. Ciudadanos e Podemos xa fan parte de algo que está moi visto, caducou o que vendían como novidade. E PP e PSOE padecen de 'arterosclerose'.

- De plasmar nunha obra a súa experiencia política e como candidato, que formato escollería? Drama? Comedia?...

Supoño que me sairía unha reflexión persoal e xeracional, mesmo un ensaio sociolóxico ou un ensaio político. Hai toda unha xeración que eu pensaba que ía salvar Galiza e que o que fixo foi traizoar Galiza. Non estou a falar da miña, que creo que o que lle pasou é que non acertou a actualizar o galeguismo. Falo dunha xeración política, sobre a corentena, que se perdeu politicamente para Galiza. Algo así xa pasara a finais dos 70.

- Que foi o peor da lexislatura que remata?

O vaciamento do Estado. Foi unha constante privatización, unha continua liquidación. Ese foi o labor de Mariano Rajoy nesta lexislatura, deixarnos ás persoas espidas.

- Imaxine que o 20-D resulta electo como deputado. Cal sería a súa primeira medida?

Pois ogallá o resultado permitise que saíse electo (ri), significaría que obtivemos un gran apoio [Suso de Toro vai de nº3 pola Coruña]. Mais persoalmente non desexo dar o salto á política como profesión. A miña primeira medida sería a de levar as reclamacións de todos os sectores económicos e sociais do país que están nunha situación extrema. Esa, a primeira. E inmediatamente despois, exixir o recoñecemento dos galego-falantes como cidadáns con plenos dereitos.

Comentarios