Suso Seixo, Antón Sánchez e Bieito Lobeira apoian a petición de arquivo da causa da ‘Operación Jaro’

O manifesto Abrolhar vai camiño dos 500 apoios.

Causa Galiza operación jaro

O manifesto que solicita o arquivo da causa que a Audiencia Nacional mantén aberta contra os 9 independentistas detidos a finais de 2015 na ‘Operación Jaro’ continúa sumando apoios. Nos últimos días asinaron o ‘Manifesto Abrolhar’ o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo; ou o coordenador da Área de Organización do BNG, Bieito Lobeira, entre outros. Este chamamento, que se daba a coñecer a finais do mes de marzo, e no que tamén se denunciaba a “montaxe política e xudicial” contra Causa Galiza vai camiño dos 500 apoios.

Membros da Dirección Nacional da Federación Rural Galega (Fruga) ou de Agora Galiza tamén veñen de subscribir o manifesto, ao que tamén se sumaron nestes días centros sociais como Escarcio e Madizer (Compostela) ou A Cova dos Ratos (Vigo).

No manifesto exíxese o arquivo definitivo da causa penal aberta a nove independentistas  “no tribunal sucessor do TOP da ditadura”, en referencia á Audiencia Nacional. As persoas asinantes rexeitan “a montagem policial e judicial iniciada em 2015 contra umha organizaçom política e a sua militáncia” coa finalidade de “criminalizar e minorizar um posicionamento político” como o independentismo.

Tamén se reclama das autoridades españolas “o cessamento unilateral e imediato deste tipo de operativos” contra o independentismo e, por último, as persoas asinantes chaman a se sumar á manifestación que decorrerá en Compostela o vindeiro 23 de abril convocada polas nove persoas encausadas na ‘Operación Jaro’.

Manifestación

Coa vista posta na manifestación do vindeiro 23 de abril, ao longo destes días decorrerán en diferentes comarcas de Galiza asembleas abertas para informar da mesma. Información sobre hora e lugar das asembleas, aquí.

Comentarios