799 votos fronte a 798

O Superior resolve o empate electoral en Monterroso a prol de Independentes

O derradeiro recurso do PSOE de Monterroso para gañar as eleccións do pasado 26 de maio non funcionou. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) emitiu un ditame esta cuarta feira en que mantén a nulidade do voto reclamado polos socialistas e, así, dá a vitoria a Independentes. O resultado electoral final é de 799 fronte a 798 votos.

concello de Monterroso
photo_camera Casa do Concello de Monterroso. Foto: cedida.

O litixio posterior ao 26 de maio foi rocambolesco. A cidadanía monterrosina decidiu un insólito reparto electoral: un edil para Compromiso por Galicia, tres para o PP e outros sete a repartir entre PSdeG e Independentes -encabezados polo que fora alcalde socialista da vila ulloá durante 16 anos, Antonio Gato-, que obtiveron 798 sufraxios cada un. Nese intre comezaron as reclamacións.

PSOE e Independentes solicitaron a validez dun sufraxio cada un. A Xunta Electoral de Zona, en Chantada, admitiu o segundo e non o primeiro. Os socialistas elevaron a súa queixa á Xunta Electoral Central, que tampouco a aceptou. O Tribunal Superior ratifica agora este proceso e mantén a nulidade dese disputado voto, que puido levar a decisión pola cuarta cadeira a un inaudito sorteo con moeda.

Mais non. O alto tribunal, na sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo, rexeitou o recurso dos socialistas para que a papeleta declarada nula “fose validade ao seu favor” e declarou “a validez da elección e da proclamación de electos realizada”. No pleno monterrosino haberá así catro cadeiras para independentes, tres para o PSdeG, tres para o PP e un para Compromiso por Galicia.

A constitución da corporación e, por extensión, da Deputación de Lugo -paralizada pola situación de Monterroso-, será o 5 de xullo. Porén, non todas incógnitas da vila están resoltas. Porque os pactos e apoios que precisos para conformar goberno local non están en absoluto claros.

A candidatura de Independentes, integrada por ex militantes socialistas e liderada por un histórico do partido, Antonio Gato, manifestou a súa querenza por un acordo co PP. Esta organización dista de consideralo axeitado. Non parece tampouco probábel unha avinza entre PSOE e populares e menos aínda entre socialistas e Independentes. Daquela, o executivo de Monterroso segue no aire.   

Comentarios