Sueiro propón á dirección de EU ''partillar'' o escano con Anova

A número dous por Ourense da formación que lidera Yolanda Díaz, Carmen Iglesias Sueiro, informou en declaracións á axencia de noticias Europa Press de que hai unha semana que EU ten a proposta que ela fai: pede botar dous anos no Parlamento e deixar o último da lexislatura para a formación de Beiras.

Cartaz da campaña electoral [Imaxe: AGE]
photo_camera Cartaz da campaña electoral. Sueiro, no centro [Imaxe: AGE]


"Partillar" o que queda de lexislatura entre EU e Anova, de tal maneira que Carmen Iglesias Sueiro ocuparía o escano os dous vindeiros anos e deixaríallo no último a Iolanda Pérez Docampo.

É a proposta que "hai unha semana" e "verbalmente" lle comunicou á dirección da súa formación a número dous por Ourense de Esquerda Unida, Iglesias Sueiro, primeira na listaxe para suceder no posto de deputada a David Fernández Calviño se este renuncia finalmente ao Parlamento e acepta a bolsa de investigación en Dinamarca.

En declaracións á axencia de noticias Europa Press, Sueiro recoñeceu que EU lle enviou o acordo adoptado no Consello político nacional realizado o sábado no mesmo día (o sábado), e que "estiven pensando estes dous días".

Culpa a Anova da lea interna

Porén, malia que a socia de Beiras na coligación AGE lle pediu que "reconsidere" a súa intención de non ceder o escano, querendo entrar na Cámara mesmo como non adscrita se EU decide expulsala, a ourensá di que ten a decisión "tomada" e que a culpa do que está a acontecer é de Anova "por colocar de candidata unha persoa que desde o primeiro momento sabía que ía marchar".

A respeito do equilibrio que a coligación di ter pactado, de tal maneira que catro deputad@s sexan de Anova e cinco de Esquerda Unida, Iglesias Sueiro di que tal acordo "é retroactivo" e que, no momento de se confirmaren as listaxes electorais, ela non o coñecía. Se finalmente a listaxe de AGE non corre, Anova quedará con tres escanos e EU cos outros seis.

Comentarios